AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓNN TEATRO ACOLLERÁ "FÍOS", DA COMPAÑÍA BAOBAB, E OFRECERÁ TAMÉN NOS SEUS EXTERIORES "OS NARIGUDOS", DE TANXARINA

Cultura e Educación programa en Santiago unha tarde de teatro para o público infantil no marco das Festas do Apóstolo 2013

[20/07/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria promove unha tarde de lecer para o público infantil co teatro como protagonista. No marco da programación cultural das Festas do Apóstolo 2013 da capital de Galicia, a Secretaría Xeral de Cultura e a Axencia Galega das Industrias Culturais colaboran co Concello de Santiago de Compostela para ofrecerlles ás nenas e nenos a obra de títeres Os Narigudos, de Tanxarina Teatro, e o espectáculo familiar Fíos, da compañía Baobab, que se representarán o martes 23 de xullo.

Momento dunha representación de 'Fíos'

A animación teatral chegará ás 18:00 horas á Rúa Nova, nas inmediacións do Salón Teatro, co espectáculo Os Narigudos, que lles ofrecerá aos nenos e nenas a partir de 2 anos cincuenta minutos de monicreques con introdución musical en directo, baixo a dirección de Cándido Pazó e Tanxarina e coa participación dos artistas Eduardo Rodríguez, Miguel Borines e Andrés Giráldez.

A obra achegaralles aos máis pequenos da casa a historia que narra os problemas cos que conviven a diario na illa dos Narigudos, lugar onde ter un enorme nariz fai que bailes e namoros rematen sempre en disputas. Bartolo será o escollido para ir á procura da solución á casa do Chan Tanda, "o home máis sabio do mundo".

Un taller de costura para emocionar e soñar
A continuación, o Salón Teatro, sede do Centro Dramático Galego (CDG), acollerá a representación de Fíos, un espectáculo de Baobab Teatro para emocionar, sentir e soñar que ten como punto de partida un taller de costura do que irán saíndo diferentes historias. Unha modista e as visitas esperadas e inesperadas que recibe no seu taller na procura da súa axuda farán que, entre puntada e puntada, se descubran personaxes que penden de fíos que queren viaxar, soñar, namorarse e contar os seus segredos.

A entrada para asistir á función de Fíos, dirixida por Óscar Ferreira e Andrea Bayer, e recomendada para nenos e nenas a partir de 3 anos, é de balde, previa retirada de invitacións a partir do día 22 de xullo na billeteira do Teatro Principal, en horario de 17:30 a 20:30 horas.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal