AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CDG E TEATRO DO NOROESTE COPRODUCEN ESTA MONTAXE, CON DIRECCIÓN DE EDUARDO ALONSO A PARTIR DA OBRA DE VIDAL BOLAÑO

Máis de 1.300 alumnos de toda Galicia asistirán ao espectáculo "Touporroutou da lúa e do sol" dentro da súa campaña escolar no Salón Teatro

[07/10/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia mañá a campaña escolar arredor do espectáculo Touporroutou da lúa e do sol, de Roberto Vidal Bolaño, que durante a súa estadía no Salón Teatro de Santiago congregará máis de 1.300 alumnos de 20 centros educativos de toda Galicia. Teatro do Noroeste e o Centro Dramático Galego (CDG) coproducen esta montaxe, dirixida por Eduardo Alonso, a través da que afondan na divulgación da figura e da obra do autor compostelán entre os espectadores máis novos.

Touporroutou da lúa e do sol

Durante estas dúas semanas, a sede compostelá da compañía pública ofrecerá sesións matinais de martes a venres, ás que acudirán grupos de estudantes -a partir dos 6 anos de idade- acompañados dos seus profesores. Colexios e institutos de Ames, Brión, Caldas de Reis, Mazaricos, Mesía, Muros, Ordes, Ourense, Porto do Son, Vedra, Viveiro, Santiago de Compostela e Trazo teñen xa confirmada a súa participación nesta campaña, a través da que se busca incidir na difusión dunha das facetas menos coñecidas de Vidal Bolaño como autor de teatro familiar.

Alejandro Carro, Laura Míguez, Fernando González e Victoria Pérez interpretan os cómicos e músicos ambulantes protagonistas desta historia, que permanecerá en cartel en Santiago ata o vindeiro 20 de outubro, ofrecendo outras catro funcións para público xeral nas fins de semana (sábados e domingos, ás 18.00 horas) como parte da programación especial que a compañía pública está a desenvolver en homenaxe ao dramaturgo compostelán ao que este ano se lle dedicou o Día das Letras Galegas.

Visita desde Bos Aires
A representación do vindeiro sábado día 12 contará coa presenza dun grupo do Instituto Santiago Apóstol do Centro Galego de Bos Aires, de viaxe de estudos en Galicia. Estes alumnos terán así a oportunidade de gozar desta nova versión do Touporroutou da lúa e do sol, para a que o CDG e Teatro do Noroeste recuperaron especialmente o deseño gráfico do cartel que os propios estudantes do centro galego deseñaran para a súa posta en escena o pasado mes de abril na capital arxentina.

Como ferramenta didáctica de apoio a esta campaña, a unidade de produción teatral da Consellería de Cultura e Educación editou un caderno pedagóxico elaborado por Roberto Pascual, profesor da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia, entidade que tamén colabora con esta coprodución contribuíndo á experiencia de introducir no elenco actores e actrices recentemente titulados neste centro.

A través deste caderno, que está dispoñible para a súa descarga na web do Centro Dramático Galego, os profesores disporán de material de apoio específico para traballar cos seus alumnos arredor desta obra de Vidal Bolaño e da súa versión escénica tanto antes como despois da súa asistencia ao espectáculo.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal