AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

SERÁ ESTE DOMINGO DÍA 13 NO PAZO DA CULTURA ÁS 21:00H

O Outono de Teatro de Carballo estrea o espectáculo "Symon Pédícrí", que contou co apoio do CDG na súa fase de creación

[11/10/2013] O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) de Carballo estreará este domingo día 13 o espectáculo Symon Pédícrí, do galego Diego Anido, proxecto apoiado pola Consellería de Cultura e Educación a través dunha residencia artística desenvolvida no Centro Dramático Galego (CDG) como parte do proceso creativo desta proposta escénica.

Diego Anido

O Salón Teatro, sede da compañía pública de teatro, foi precisamente o espazo escollido polos responsables deste Festival para levar a cabo a presentación desta estrea para todo o público de Galicia, que terá lugar ás 21:00 horas no Pazo da Cultura de Carballo dentro do denominado Ciclo OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), a sección do FIOT dedicada ao teatro máis contemporáneo e experimental.

Ao acto asistiron Manuel Guede Oliva, director do CDG; Roberto Taboada, representante do Festival ALT de Vigo; Alberto Sueiro, presidente da Asociación Cultural Telón e Aparte e director do FIOT; e Diego Anido, creador galego afincado en Barcelona que protagoniza en solitario Symon Pédícrí.

O FIOT, evento que se desenvolve ao longo de todo o mes de outubro en Carballo e que conta cunha subvención de máis de 44.000 euros para o seu financiaciomento a través das axudas a festivais concedidas este ano pola Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), segue apostando así polo teatro feito en Galicia, e nesta edición, por un creador galego. A coproducción desta obra teatral faise en colaboración co Centre d’Arts Escèniques de Terrasa e o Festival ALT de Vigo. Entre outros, a coprodución Symon Pédícri contou tamén co apoio do CDG, onde Anido realizou unha residencia artística e técnica en febreiro pasado, ao remate da cal escenificou ante o público a evolución do espectáculo ata ese momento.

Tres coproducións desde 2010
O FIOT iniciou en 2010 unha nova vía de promocionar e apoiar o teatro desde un punto de vista máis directo e comprometido, mediante a coprodución de espectáculos de calidade de compañías ou creadores galegos que se consideran de interese para o público e para as artes escénicas de Galicia. O ano pasado coproduciu O método Grönholm xunto a Talía Teatro; e dous anos antes, Un cranio furado, de Producións Teatrais Excéntricas. Ambos traballos víronse recompensados polo éxito entre o público e, en concreto, o último, tamén coa acreditación outorgada por cinco galardóns nos Premios María Casares, entre eles, o de Mellor Espectáculo do ano.

A ventriloquia como inspiración
Cos espectáculos de ventriloquia como inspiración, a nova proposta de Diego Anido Co construíuse a partir do xogo con diferentes técnicas escénicas como a manipulación de obxectos, a composición coreográfica, o teatro musical, o texto ou a videocreación, ao tempo que procurou o equilibrio entre o humor e a escuridade.

O punto de partida desta historia de 60 minutos é o propio personaxe de Symon Pédícrí. El é un dos últimos descendentes dunha saga familiar dedicada á selección xenética de razas equinas e impulsora, así mesmo, dun inofensivo sistema de clasificación xenealóxica das razas humanas. Rexeitado pola comunidade científica e impermeable aos avances da xenética, Symon intentará perpetuar as técnicas dos seus antepasados para darlles un uso menos inocuo: crear un novo ser que supere a súa imaxe e semellanza. A través das súas prácticas con bonecos e criaturas inertes conseguirá, por fin, comunicarse cunha das súas creacións e manter con ela un diálogo revelador.

A pesar de tratarse dun proxecto unipersoal, Symon Pédícrí incorpora o traballo dun equipo moi amplo e especializado comandado polo compostelán Diego Anido, director e único intérprete da obra.

Traxectoria
Diego Anido desenvolve a súa traxectoria profesional en Barcelona vinculado a compañías como a de Andrés Corchero ou Agrupación Señor Serrano, caracterizada pola creación contemporánea multidisciplinar. En paralelo, realiza unha intensa actividade como creador dos seus propios proxectos, que adoita levar a escena como único intérprete dunha linguaxe complexa e moi persoal que se serve do texto, da música, da acción e do corpo para plasmar propostas de difícil tipoloxía, próximas á performance.

As entradas para Symon Pédícrí (3 euros) aínda se poden comprar en www.servinova.com ou no teléfono 902 504 500. A billeteira do Pazo da Cultura de Carballo estará aberta de 19.30 a 21.00, antes do inicio da función.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal