AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O DIRECTOR DA MONTAXE, JÚLIO CARDOSO, E UN DOS SEUS PROTAGONISTAS, ANTÓNIO REIS, MANTERÁN ESTA TARDE UN ENCONTRO COS ESTUDANTES DE PORTUGUÉS DA ESCOLA OFICIAL DE IDIOMAS DE SANTIAGO

O Salón Teatro recibe mañá a compañía portuguesa Seiva Trupe con 'Adivinhe quem vem para rezar' dentro do circuíto Troco x Troco

[06/11/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece mañá xoves, ás 20.30 h, a representación do espectáculo ‘Adivinhe quem vem para rezar’ pola compañía portuguesa Seiva Trupe. Esta é a segunda das funcións que acolle a sede do Centro Dramático Galego como parte do circuíto Troco x Troco de intercambio teatral entre Portugal e Galicia.

Adivinhe quem vem para rezar

No marco deste programa, que Cultura e Educación promove xunto coa asociación Cena Lusófona do país veciño, o CDG colabora co Departamento de Portugués da Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago na organización dun encontro cos alumnos que terá lugar hoxe, ás 18.30 horas, na sala 4 da EOI. O director da compañía e desta montaxe, Júlio Cardoso, e un dos seus protagonistas, António Reis, estarán acompañados polo responsable do Centro Dramático, Manuel Guede Oliva, nunha sesión a través da que se lles achegará aos estudantes de Portugués a actualidade escénica dese país, así como as claves da obra que poderá verse ao día seguinte no Salón Teatro.

Outono co teatro portugués
Baixo o título ‘O outono é a estaçao do teatro’, esta iniciativa busca difundir o teatro do ámbito da lusofonía entre o alumnado da Escola Oficial de Idiomas e, neste sentido, os estudantes de Lingua Portuguesa teñen a oportunidade de asistir á función que se celebrará mañá a un prezo reducido de 5 euros.

Para o público xeral, as entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través da billeteira electrónica da web de Novagalicia Banco ou mañá, a partir das 18.30 horas, no despacho de billetes do Salón Teatro. O seu prezo é de 10 euros, cun desconto do 40 por cento para estudantes, titulares do carné xove, persoas xubiladas ou desempregadas, así como para determinados colectivos profesionais.

Autor brasileiro
A compañía do Porto chega a Galicia coa súa adaptación da obra coa que o xornalista brasileiro Dib Carneiro Neto debutou como autor teatral e marcou un fito na dramaturxia brasileira do que levamos de século. António Reis e Jorge Loureiro interpretan os protagonistas desta historia, que pon o foco sobre o universo masculino e as mulleres que marcan as vidas destes personaxes. Trátase, en definitiva, de homes conversando sobre o amor, algo do que non se atreveran a falar nunca antes durante os seus moitos anos de convivencia ou de coexistencia.

Seiva Trupe celebra este ano 2013 o 40 aniversario da súa constitución na cidade portuguesa do Porto, da man dun grupo de mozos entre os que se atopaban Júlio Cardoso e António Reis. Neste longo percorrido, a compañía ten levado a escena máis de 120 espectáculos, ademais de promover cursos de iniciación á práctica teatral, obradoiros e certames de creación dramática, entre outras accións.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal