AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

INMA LÓPEZ SILVA CONDUCE ESTE MÉRCORES A SESIÓN ARREDOR DE ‘RASTROS’, MENTRES QUE XOSÉ MANUEL FERNÁNDEZ CASTRO ANALIZARÁ O XOVES ‘CAPRICE DES DIEUX’

O ciclo audiovisual Vidal Bolaño Recuperado remata no Salón Teatro lembrando as postas en escena de 'Rastros’ e ‘Caprice des dieux’

[25/11/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pecha no Salón Teatro de Santiago o ciclo ‘Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais’, do que esta semana se ofrecerán as dúas últimas sesións sobre cadanseu espectáculo escrito e dirixido polo dramaturgo compostelán. Este mércores 27 o programa lembrará a posta en escena de ‘Rastros’, mentres que ‘Caprice des dieux’ centrará a derradeira xornada o xoves 28. Ambas as citas terán lugar ás 19.00 horas e a entrada é libre ata completar a capacidade da sala.

Rastros

Conclúe así unha iniciativa impulsada polo Centro Dramático Galego no marco da programación especial que está a organizar durante este ano arredor do autor ao que se lle dedicou o Día das Letras 2013. Desenvolvido en dúas quendas durante os meses de febreiro e novembro, o ciclo recuperou un total de 12 montaxes a través de diferentes fragmentos de vídeo comentados polos especialistas Inma López Silva e Xosé Manuel Fernández Castro e da posterior participación do público: ademais de ‘Rastros’ e ‘Capice des dieux’, no Salón Teatro revivíronse as pezas ‘Agasallo de sombras’, ‘Rosalía’, ‘Laudamuco, señor de ningures’, ‘Saxo tenor’, ‘Anxeliños’, ‘Animaliños’, ‘As actas escuras’, ‘Xelmírez ou a gloria de Compostela’, ‘A burla do galo’ e ‘Mar revolto’.

Ofreceuse, pois, un amplo percorrido pola traxectoria teatral de Roberto Vidal Bolaño nas súas facetas de autor e director, afondando na vixencia do seu legado e contribuíndo, ao tempo, a manter as actividades de difusión da súa figura durante todo este ano.

Material cedido pola familia do autor
A familia do autor cedeu o material audiovisual que se empregará esta semana nas citas coas que se pecha o ciclo. Inma López Silva, escritora, crítica teatral e profesora da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, será a encargada de conducir a sesión do mércores arredor de ‘Rastros’, que Vidal Bolaño escribiu e dirixiu para a súa compañía Teatro do Aquí.

Estreada en Vilagarcía en 1998, Patricia de Lorenzo, Luís Iglesia, Xoán Carlos Mejuto e Rubén Ruibal deron vida os personaxes desta obra na que, segundo explicaba a propia compañía, o seu autor "sigue o rastro, a pegada que estamos a deixar na historia algúns dos que, para ben ou para mal, contribuímos a conformar o presente". Con este fin, aborda a historia dunha muller "na flor da súa idade", quen tras un intento de suicidio, permanece ingresada na UVI á espera dun desenlace incerto e, durante ese tempo, convoca ao seu redor os tres homes cos que compartiu os seus sentimentos.

‘Roberto Vidal Bolaño: citas audiovisuais’ chegará ao seu fin este xoves co monólogo ‘Caprice des dieux’, producido en 1985 por Teatro Antroido e interpretado polo propio autor a partir da obra que escribiu xunto a Xaquín G. Marcos. Caracterizado cun esmoquin e co nariz de pallaso que converteu nun dos seus distintivos, Vidal Bolaño critica nesta peza os poderes públicos, aos que facía responsables dos males que estaba a vivir o teatro.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal