[03/12/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria apoia o XII Festival de Teatro Amador Agustín Magán, que se desenvolve en Santiago de Compostela entre os próximos días 5 e 8 de decembro cunha carteleira de seis espectáculos a cargo doutras tantas compañías de escena de ámbito afeccionado procedentes de distintos puntos da xeografía galega.
Este festival é unha das actividades de maior proxección das organizadas por Fegatea (Federación Galega de Teatro Afeccionado), entidade sen ánimo de lucro fundada en 2001 que reúne á maior parte dos grupos de teatro non profesional máis activos que existen en Galicia, e coa que a Consellería mantén un plano de colaboración continuado en distintas actividades de difusión e formación.
Así, o Festival de Teatro Amador Agustín Magán forma parte dunha programación que, ademais de Santiago, abrangue outras 15 vilas galegas que integran este ano o Circuíto Galego de Teatro Amador, cofinanciado pola Xunta de Galicia en virtude dun convenio asinado o pasado 31 de xullo entre a Consellería de Cultura e Fegatea.
O festival cumpre coa súa edición de 2013 unha traxectoria de doce anos de celebración baixo o nome do fundador da compañía compostelá Ditea e ten como finalidade amosar en Santiago as últimas propostas escénicas de grupos afeccionados federados galegos das provincias de Lugo, Ourense e Pontevedra.
A carteleira deste ano, que se desenvolverá de xeito compartido entre o Salón Teatro e o Teatro Principal con funcións ás 19:00 e ás 21:00 horas, está integrada polos espectáculos de 6 compañías: NNC Teatro, que representará ‘Santa Perpetua’ o 5 de decembro; Carfax Teatro con ‘As Troianas’ e Andaravía Teatro con ‘República de Gundián’ o día 6; O Trasno Novo Teatro con ‘Consuelo’ e Nostrun Cai con ‘Radio Universo’ o día 7; e O Aturuxo de Melpómene, con ‘A ratoeira’ o día 8 de decembro.