AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

COMBINA O TEATRO DE OBXECTOS COA INTERPRETACIÓN A CARGO DAS ACTRICES ROCÍO GONZÁLEZ E LUCÍA REGUEIRO

O Salón Teatro de Santiago ofrece os días 27 e 28 dúas funcións familiares de 'O príncipe e o parrulo' a cargo da compañía Eme2

[23/12/2013] O Salón Teatro de Santiago de Compostela, espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ofrece os próximos días 27 e 28 de decembro dúas funcións para público familiar da montaxe ‘O príncipe e o parrulo’, a cargo da compañía galega Eme2 Emoción&Arte.

Imaxe do espectáculo

Baixo a dirección de Álex Díaz, o espectáculo combina o teatro de obxectos coa interpretación de dúas actrices destacadas no panorama teatral e audiovisual galego: Rocío González e Lucía Regueiro, a partir do guión realizado por Javier Tirado e Jokin Oregi con tradución ao galego de Xocas López e Sandra Romarís.

A iluminación de Javi Ulla, os monicreques e a escenografía deseñados por Javier Tirado e a música de Fran Lasuen, antigo membro do grupo vasco Oskorri, contribúen tamén á sinxela posta en escena desta produción para todos os públicos (nenos a partir de 3 anos), na que se enxalza o valor da amizade e da solidariedade.

Así, a propia compañía refírese á obra como unha pequena historia, tan pequena que só precisa un castelo, unha árbore e unha casa para ser contada. "Pero esta pequena historia -explícase- fálanos de cousas moi grandes. Nela, dous pequenos personaxes descobren que non hai nada tan divertido como ter a alguén con quen compartir, con quen xogar. Descobren que non hai nada tan grande como un amigo".

Esta será a penúltima actuación do ano no Salón Teatro, que pechará a súa actividade de 2013 co concerto de blues de Adrián Costa e o Maquineto, que terá lugar o 29 de decembro ás 20:30 horas dentro do ciclo ‘Blues Nite Nadal’ que organiza o concello de Santiago de Compostela.

As entradas para ‘O príncipe e o parrulo’ poden adquirirse de xeito anticipado na billeteira do Teatro Principal (aberta de 18.00 a 21.00 horas) e na do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo das representación. Tamén están dispoñibles a través da web entradas.novagaliciabanco.es e do teléfono 902 434 443.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal