AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O GRUPO DE PERCUSIÓN PORTUGUÉS ACTÚA MAÑÁ MÉRCORES ÁS 20:30 H

Un concerto de Drumming rende tributo a Frank Zappa no compostelán Salón Teatro

[27/02/2007] O grupo de percusión portugués Drumming pecha o ciclo de música actual que veu desenvolvéndose ao longo deste trimestre no Salón Teatro de Santiago de Compostela programado polo Centro Dramático Galego (CDG). Baixo o título de Zapping , a banda lusa renderá mañá a partir das 20:30 horas o seu particular tributo á obra do músico norteamericano, mediante a interpretación de distintas pezas de compositores que recrean o seu estilo.

Foto Drumming

O valenciano Miquel Bernat dirixe Drumming, agrupación integrada tamén por Nuno Aroso, Francisco Aparici, Pedro Oliveira, Rui Rodrigues, António Sérgio e João Cunha. O repertorio que se interpretará no Salón Teatro abrangue obras dos autores portugueses Carlos Azevedo, Nuno Rebelo, Vítor Rua, Rui Rodrigues, Pedro Amaral, así como de Agustí Fernandez (España), Óscar Bianchi (Italia) e Javier Arias Bal (España). O popio Frank Zappa tamén estará presente cunha das súas máis impresionantes obras titulada Peaches En Regalia, cun arranxo feito polo pianista e compositor Telmo Marques.

"A percusión, en canto á súa esencia sonora, ten unha vitalidade que os outros instrumentos non posúen. Ela ten un aspecto vivo, un aspecto sonoro que é mais espontaneo e inmediato", dixo Edgard Varèse, o compositor que máis influenciou a Francis Vincent Zappa (1940-1993). Partindo e inspirándose nesta peculiaridade observada por Zappa, así como no rico legado que deixou sobre todo nos seus discos, nacen as fontes deste tributo e do novo proxecto do grupo Drumming.

A PERCUSIÓN POR RIBA DA ORQUESTRA

Frank Zappa, autodenominado compositor, vén do mundo do rock pero presenta singularidades moi propias. Fortemente influenciado pola música contemporánea, foi un admirador de John Cage, Igor Stravinsky e Anton Webern, pero sobre todo é de salientar a influenza de Edgar Varèse que se aprecia na similitude entre o traballo orquestral de ambos e no uso da percusión, superposta ao resto da orquestra nunha forte construción rítmica e de métricas complexas. Líder da súa banda, The Mothers of Invention, creador e explorador inesgotable nos máis variados campos e estilos sen deixarse encadrar en ningún deles: clássico, rock, jazz, reggae, blues, etc., chegou a compoñer para para grupos como o Ensemble Moderne de Frankfurt.

Tralo concerto Zapping, o Salón Teatro continuará coa programación prevista para o mes de marzo coa representación de danza Los olvidados , a cargo da compañía Rayo Malayo os días 1 e 2; e a produción teatral As últimas lúas , pola compañía galega Lagarta Lagarta, os días 3 e 4. Do 7 ao 31 de marzo será a última montaxe do CDG, Tarará-Chis-Pum! a que ocupará este escenario da Rúa Nova compostelá.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xoven.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal