AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRESENTARÁ EN DIRECTO OS TEMAS DE ÉRASE UN SUEÑO, O SEU DISCO DE DEBUT

A cantautora asturiana Paula Rojo inaugura este sábado no Salón Teatro o ciclo Íntimo & Acústico

[09/01/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é unha das sedes da nova edición do ciclo Íntimo & Acústico, que dá comezo neste escenario compostelán o sábado día 11 co concerto que a cantautora asturiana Paula Rojo ofrecerá ás 20.30 horas.

Paula Rojo

A Consellería de Cultura e Educación colabora así no desenvolvemento deste programa musical, que organiza o Concello de Santiago en diferentes espazos da cidade e dentro do que a sede do Centro Dramático Galego acollerá tamén a actuación do estadounidense Cass McCombs o domingo 19 de xaneiro, ás 20.00 horas.

Paula Rojo interpretará en Santiago os temas do seu disco de debut, Érase un sueño, co que conseguiu situarse nos primeiros postos das listas de vendas. Realizado en clave de country-pop, o álbum é unha especie de diario musical no que esta novísima artista de 22 anos de idade, que se deu a coñecer para o gran público a través da súa participación no programa de televisión La Voz, comparte algunhas das historias que marcaron a súa vida.

A súa voz doce e xuvenil os 12 temas que integran o seu primeiro traballo discográfico, no que atopamos desde baladas ata cancións que sobresaen polos arranxos tomados das súas principais influencias musicais, entre as que se atopan as composicións de Johnny Cash.

Venda de entradas
As entradas para asistir a este concerto poden adquirirse de xeito anticipado, a un prezo de 10 euros, na web entradas.novagaliciabanco.es e no despacho de billetes do Teatro Principal, en horario de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro estarán á venda o mesmo sábado, a partir das 18.30 horas, a un prezo de 12 euros.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal