AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ACOMPAÑADO POR JAVIER CONSTENLA AOS TECLADOS E RÓBER VÁZQUEZ Á BATERÍA, INTERPRETARÁ NOVAS COMPOSICIÓNS XUNTO AOS SEUS TEMAS MÁIS COÑECIDOS

O cantautor compostelán Xosé Constenla actúa este xoves no Salón Teatro para presentar o seu disco 'Sinecismo', gravado en directo neste escenario

[14/01/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este xoves día 16, ás 21.00 horas, o concerto no que o cantautor compostelán Xosé Constenla compartirá co público da súa cidade a publicación do disco ‘Sinecismo’, gravado en directo o pasado mes de xuño neste mesmo escenario.

Xosé Constenla

Nesta ocasión, estará acompañado por Javier Constenla aos teclados e Róber Vázquez á batería para interpretar temas recollidos neste traballo discográfico, que acaba de ver a luz da man de Setestrelo Editora, ademais de novas composicións que está a incorporar ao seu repertorio.

O equipo técnico do Salón Teatro volve participar na realización desta actuación, como xa o fixera o ano pasado durante o concerto que quedou recollido en ‘Sinecismo’, para o que Xosé Constenla contou tamén coa colaboración do Servizo de Producións e Arquivo Sonoro da CRTVG e das produtoras Tingalaranga e Picnic Ideas Felices. O resultado é un CD-DVD, para cuxa edición levou a cabo unha campaña de crowdfunding.

Traxectoria
Nado en Compostela en 1980, Xosé Constenla asume con naturalidade a definición de cantautor xa que, de feito, a súa música está directamente vinculada co sentido de compromiso social. Xa desde pequeno gustaba de escribir narrativa e poesía, gañando preto dunha ducia de premios literarios, ao tempo que comezaba a entrar en contacto cos grandes cantautores ibéricos e latinoamericanos.

Con 16 anos compón os seus primeiros temas musicais e ao ano seguinte lánzase a actuar en locais de Santiago. Na actualidade, é un habitual das escena musical compostelá e galega, ademais de visitar coa súa guitarra diferentes espazos e salas de Cataluña, Castela e León, Asturias e Madrid.

O disco que gravou en directo no Salón Teatro é o terceiro da súa traxectoria, tras Quen fixo berrar o silencio (autoeditado, 2005) e Olladas dun entusiasta (Setestrelo Editora, 2008).

Ademais, en 2011 Xosé Constenla inicia un intenso período creativo durante o que compón máis de 30 cancións, sen abandonar nunca o contacto co público a través dos directos. Ao tempo, o cantaoutor traballa na recuperación e revisión de temas compostos entre 1998 e 2003 cara á súa gravación nun formato acústico.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal