AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CELÉBRASE DESDE HOXE E ATA O SÁBADO 22 CUNHA FUNCIÓN DIARIA ÁS 21.00 HORAS

Comeza no Salón Teatro o XX Festival Internacional de Teatro Universitario con compañías de Galicia, Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica

[17/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora coa Universidade de Santiago de Compostela (USC) na organización do XX Festival Internacional de Teatro Universitario (FITU), para o que cede o Salón Teatro como escenario da programación que se desenvolve desde hoxe e ata o vindeiro sábado 22. Cinco compañías de Galicia, Estados Unidos, Porto Rico, Lituania e Bélxica participan nesta vixésima edición do encontro, que ofrece unha función diaria ás 21.00 horas.

FITU

Como compañía anfitrioa do festival, a Aula de Teatro da USC abre hoxe luns esta carteleira co seu último espectáculo: ‘Apnea (variación 2ª)’, escrito e dirixido por Roberto Salgueiro, do que ofrecerá unha segunda función o martes 18. Estreada neste mesmo espazo compostelán o pasado mes de decembro, esta montaxe pode considerarse continuación do traballo que o propio Salgueiro asinara en 2003 e fora cualificado daquela como un "libreto coreográfico" cunha compoñente moi lírica e como unha obra "chea de emocións éticas e estéticas".

Poe en versión escénica
A continuación, desde Norkfolk -no estado de norteamericano de Virxinia- chegará o Core Theatre Ensemble, compañía profesional residente na Old Dominion University, que o mércores 19 escenificará no Salón Teatro a montaxe ‘The Poe ’. Literatura, teatro, música e danza mestúranse neste espectáculo en constante evolución arredor dalgunhas das historias e poemas máis coñecidos de Edgar Allan Poe.

A achega internacional continuará o xoves 20 coa versión teatral da obra de Juan Ramón Jiménez ‘Platero y yo’ polo Teatro Rodante da Universidade de Porto Rico, mentres que o venres 21 será a quenda para o teatro lituano da man da Dramos Trupé Minimun, compañía da Universidade de Vilnius, que representará a traxicomedia ‘Circus’, de Juozas Grušas.

Esta vixésima edición do FITU chegará ao seu fin o sábado 22 co espectáculo ‘Le Dernier Godor (The Last Godot)’, de Matéi Visniec, a cargo do Théâtre Universitaire Royal da Universidade de Liexa, en Bélxica.

A entrada para estas seis funcións é gratuíta, previa retirada das localidades (máximo dúas por persoa) no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde as 19.30 horas.

Ensaios de ‘Longa viaxe cara á noite’
O Festival Internacional de Teatro Universitario dará paso ao equipo de ‘Longa viaxe cara á noite’, a nova produción que o Centro Dramático Galego (CDG) está a preparar cara á súa estrea o 22 de marzo. O Salón Teatro acollerá, pois, o último período de ensaios desta versión da coñecida obra de Eugene O’Neill, gañador de catro premios Pulitzer e do Nobel de Literatura, que Manuel Guede Oliva dirixe para a compañía pública con Gonzalo Uriarte, Luísa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán na pel da familia Tyrone.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal