AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ALUMNOS DE MASIDE E ARZÚA ABRIRON O PROGRAMA DE CATRO FUNCIÓNS CONCERTADAS CON INSTITUTOS DA NOVA PRODUCIÓN DO CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

O CDG inicia unha nova campaña pedagóxica no Salón Teatro con 'Longa viaxe cara á noite'

[27/03/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou no Salón Teatro de Santiago a campaña pedagóxica de difusión teatral arredor da montaxe ‘Longa viaxe cara a noite’, produción do Centro Dramático Galego a partir do drama autobiográfico do Nobel de Literatura Eugene O’Neill. Diferentes grupos de bacharelato dunha decena de institutos de toda Galicia teñen confirmada ata o momento a asistencia ás catro funcións concertadas que a compañía pública desenvolverá esta semana e a que vén en pases matinais os mércores e xoves ás 11.00 horas.

Longa viaxe cara á noite

A campaña desenvólvese en paralelo á exhibición do espectáculo en Santiago, onde permanecerá ata o 6 de abril con representacións para o público xeral de venres a domingo. O obxectivo é achegar a mocidade galega ao teatro e, en consecuencia, fomentar a creación de novos públicos para esta manifestación artística. Neste caso, entrarán en contacto coa literatura dramática norteamericana a través da versión galega e en galego de ‘Longa viaxe cara a noite’, que dirixe Manuel Guede Oliva e interpretan Luis Merelas, Alberto Rolán, Gonzalo Uriarte e Marcos Viéitez.

Prazo aberto
Os alumnos do CPI Terras de Maside de Ourense e do IES de Arzúa abriron esta iniciativa, para a que continúa vixente o período de inscrición. Nestes momentos teñen tamén confirmada a súa participación outros centros procedentes de Santiago de Compostela, A Coruña, Monterroso, Mos e Ordes.

Como ferramenta didáctica de apoio á súa nova campaña pedagóxica, o CDG editou un exhaustivo caderno didáctico elaborado por Imma António Souto, quen exerce ademais de axudante de dirección da montaxe. Deste xeito, os profesores teñen á súa disposición un material específico para traballar cos seus alumnos en clase tanto antes como despois da asistencia ao espectáculo.

Esta guía, que está dispoñible para a súa descarga en pdf tanto desde a web do Centro Dramático Galego (www.centrodramatico.org) como desde o blog do espectáculo (longaviaxecaraanoite.wordpress.com/) afonda na vida e obra deste gran autor estadounidense e analiza detidamente ‘Longa viaxe cara á noite’, situándoa no contexto da produción dramática de O’Neill e da literatura contemporánea universal. Propóñense tamén diferentes actividades didácticas para que os alumnos exploren, por exemplo, o proceso de posta en escena a partir dun texto dramático ou a construción de personaxes, entre outras posibilidades.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal