AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

UN TOTAL DE 19 ALUMNOS PARTICIPAN NO ENCONTRO TITULADO "DIÁLOGOS. O ACABADO DUNHA PEZA"

Abel Neves imparte o último obradoiro do Centro de Creación Dramática do CDG

[05/02/2007] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle a partir de hoxe a terceira e última parte do curso de escritura teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade, impartido polo dramaturgo portugués Abel Neves e supervisado por Cándido Pazó, o autor residente no CDG na temporada 2006/07. Un total de 19 alumnos participan nesta actividade, que se desenvolverá até o venres 9, baixo o título "Diálogos. O acabado dunha peza" e porá énfase en todo o tocante a estilística, construción de personaxes, diálogos e resolución de finais.

O curso completo ten como obxectivo que os asistentes poidan crear un texto dramático ao longo dos meses nos que se realiza a actividade, de novembro a maio. Está composto por tres obradoiros dramatúrxicos dunha semana de duración nos que, a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade, rastrexando e experimentando os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos. Todas as obras resultantes deste laboratorio de escrita serán publicadas no marco dunha nova liña editorial que, empregando a fórmula da coedición, primará a función dos libros como material de traballo.

Cándido Pazó e Paco Zarzoso impartiron os anteriores obradoiros onde os alumnos matriculados traballaron os aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, detección de conflitos e valoración das potencialidades de partida, así como os distintos elementos da teatralidade á hora de abordar o traballo dramatúrxico.

TRAXECTORIA PROFESIONAL

Abel Neves naceu en Montalegre en 1956. Dramaturgo, poeta e romancista traballou na Comuna-Teatro de Pesquisa na área de Dramaturxia e asistencia Literaria de 1979 a 1991; e participou como actor en cerca de 20 producións teatrais nacionais e internacionais. Responsable da dramaturxia no Curso de Formación de Actores e Animadores culturais da Comuna-Teatro de Pesquisa do 1987 o 1989, tamén foi o coordinador de Dramaturxia no Estudo de Creación Dramática de Actores e Autores europeos no ámbito da Convención Teatral Europea en 1990.

É autor de numerosas publicacións entre as que destacan: Touro, Anákis, Amadis, Terra, Medusa, Lobo-Wolf, El gringo, Inter.-Rail, Supernova, Além as estrelas são a nossa casa, Theatre en court 1, Lisboa com os seus poetas, Eis o amor a fome e a morte, 366 Poemas de amor, Poezz, Asas para que os quero, Coraçoes piegas, Sentimental, Centauros, Precioso, O luceiro da graçz, O homem dos sapatos de verniz…

Como obras inéditas para o teatro escribiu Olhando o céu estou em todos os sécalos, Este oeste Éden, Pertinho da Torre Eiffel, Nunca estive em Bagdad, Amorosos ou o amor sos, Madressilva, Jardim, Domingo, Probablemente uma pessoa e Magnético. Da súa peza Além as estrelas são a nossa casa fixéronse numerosas lecturas dramatizadas baixo a dirección de Silnei Siquiera e Fernando Mora Ramos de Brasil, Veronique Bellegqrde e Laurent Vacher producida para o Festival Mousson d´Été 2001 e para a Comédie Française, entre outras.

Asemade, realizou diversas adaptacións dramatúrxicas para o teatro dos contos de Henri Mixhaux Trampa Blube e Homem Calmo e trece episodios teatrais de Misterios de Lisboa de Camilo Castelo Branco. Como director escénico participou no espectáculo Deixem-me resonar de Th´rese Collins no Teatro de Montemuro en 2004.

Finalmente, participou como guionista e adaptador para a televisión e o cine e publicou numeros artigos en revistas e xornais de España e Portugal.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal