AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

VIAXARÁ DESPOIS A BARCELOS, NARÓN, A ESTRADA, A CORUÑA, RIANXO, OURENSE, VIGO, TUI E O BARCO

O Centro Dramático Galego inicia en Braga e en Pontevedra a xira galego-portuguesa do espectáculo 'Longa viaxe cara á noite'

[09/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria leva esta semana o espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) ‘Longa viaxe cara á noite’ a Braga e a Pontevedra como as primeiras paradas da xira galego-portuguesa que durante dous meses exhibirá a última produción da compañía teatral pública nun total de once escenarios.

Escena do espectáculo

O célebre drama autobiográfico do Premio Nobel de Literatura estadounidense Eugene O'Neill preséntase baixo a dirección de Manuel Guede Oliva e con interpretación a cargo de Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán. Con esta proposta estreada en Santiago de Compostela o pasado 22 de marzo, o Centro Dramático Galego incorpora, no ano en que se conmemora o trixésimo aniversario da súa creación, a literatura dramática estadounidense ao seu variado e extenso repertorio de máis de 75 producións.

Funcións
O espectáculo abrirá a súa distribución mañá xoves ás 21:30 horas no Theatro Circo de Braga, desde onde se trasladará o sábado día 12 para actuar ás 20:30 horas no Centro Social da Fundación Novacaixagalicia de Pontevedra. As entradas para a función de Pontevedra poden adquirirse a través da web www.taquilla.servinova.com e na billeteira do teatro nos horarios habituais.

‘Longa viaxe cara á noite’ volverá despois a Portugal para ofrecer unha representación na localidade de Barcelos (Teatro Gil Vicente, 19 de abril ás 21.30h) e retornará a Galicia para visitar Narón (Pazo da Cultura, 26 de abril ás 20.00h), A Estrada (Teatro Principal, 30 de abril ás 21.00h), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 3 de maio ás 20:30h), Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio ás 20:30h), Ourense (Teatro Principal, 17 de maio ás 20:30h, día 18 ás 19.00h e luns 19 ás 11:00 en función escolar), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20:30h), Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11:00h). A xira rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.

Un día cos Tyrone
‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras -tras as que se ocultan verdades e se conteñen sentimentos- para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.

Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬-o cuarto concedido a unha das súas obras¬- tras ser publicada poucos anos despois da morte de O'Neill, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal