[28/04/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria continúa a xira do Centro Dramático Galego (CDG) e o espectáculo ‘Longa viaxe cara á noite’ cunha función matinal este mércores 30 de abril no Teatro Principal da Estrada, á que poderán acudir tanto estudantes de bacharelato da comarca como público xeral.
Dirixida por Manuel Guede Oliva a partir da obra orixinal do Premio Nobel de Literatura norteamericano Eugene O´Neill, este célebre drama autobiográfico preséntase co elenco que integran Gonzalo Uriarte, Luisa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán. Os catro intérpretes dan vida aos Tyrone, unha familia quebrada polas frustracións persoais e os vicios, na que se atopan moitos trazos autobiográficos dos O’Neill.
Con esta proposta, estreada no Salón Teatro de Santiago o pasado 22 de marzo, o Centro Dramático Galego celebra o seu trixésimo aniversario e incorpora a literatura dramática estadounidense ao seu variado e extenso repertorio das máis de 75 producións que leva realizadas desde a súa fundación en 1984.
A Consellería de Cultura e Educación está a desenvolver con ‘Longa viaxe cara á noite’ unha ampla xira en Galicia e en Portugal ata finais do mes de maio. Así, despois do seu paso por Compostela, Braga, Pontevedra, Barcelos, Narón e A Estrada, o espectáculo visitará A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 3 de maio ás 20:30h), Rianxo (Auditorio Municipal, 10 de maio ás 20:30h), Ourense (Teatro Principal, 17 de maio ás 20:30h, día 18 ás 19.00h e luns 19 ás 11:00 en función escolar), Vigo (Centro Cultural Fundación Novacaixagalicia, 22 e 23 de maio ás 20:30h), Tui (Teatro Municipal, 27 de maio ás 11:00h). A distribución rematará no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras o 30 de maio.
Un día cos Tyrone
‘Longa viaxe cara á noite’ é a crónica dun día na vida dos Tyrone, transposición dramática dos propios O’Neill a través da que o autor volve a vista cara á súa intensa e dolorosa xuventude, espertando os monstros que o atormentan. Cun pasado abafante, un presente en destrución e un futuro imposible, os catro membros da familia protagonista deixan caer as máscaras -tras as que se ocultan verdades e se conteñen sentimentos- para deixarnos entrever as frustracións, as adiccións e o desarraigo que determinan o seu destino: James, un actor de éxito que pasou a súa vida de escenario en escenario sen poder formar un verdadeiro fogar; Mary, a súa muller, presa dunha adicción que non é quen de deixar atrás; Jamie, o fillo maior, alcohólico, cínico e descrido; e Edmund, o alter ego do escritor, un mozo soñador e romántico, pero enfermo de tuberculose.
Aclamada pola crítica e considerada a obra máis completa, ‘Long Day's Journey into Night’ foi recoñecida co Premio Pulitzer a título póstumo ¬-o cuarto concedido a unha das súas obras¬- tras ser publicada poucos anos despois da morte de O'Neill, a pesar de que este deixara instrucións de que as súas pezas inéditas non deberían ver a luz ata 25 anos despois do seu pasamento.