AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CASE 3.000 ALUMNOS DE 37 COLEXIOS ASISTIRÁN ÁS FUNCIÓNS ESCOLARES

O Salón Teatro acolle até o 31 de marzo a montaxe Tarará-chis-pum! do CDG

[06/03/2007] Un total de 2.775 alumnos procedentes de 37 centros de ensino de toda Galicia asistirán ás funcións escolares que o Centro Dramático Galego (CDG) ofrece no Salón Teatro de Santiago da súa nova produción Tarará-chis-pum!. Con esta montaxe destinada ao público familiar a compañía institucional chega ao ecuador da temporada escénica 2006-2007. A obra ofrece unha nova versión do espectáculo homónimo representado en 1978 por Artello Teatro; e a súa incorporación ao repertorio do CDG insírese na liña programática da unidade teatral pública respecto á captación de público infantil como unha das súas prioridades.

Foto Tarará-Chis-Pum!

Tarará-chis-pum! permanecerá neste escenario compostelán até o 31 de marzo, con cinco funcións semanais (de mércores a venres para estudantes; e sábados e domingos para o público xeral). As representacións para escolares, que darán comezo mañá mércores, están especialmente indicadas para nenos e nenas con idades comprendidas entre 6 e 12 anos. Vimianzo, Ortigueira, Zas, Pontedeume, Chantada, Oroso, Mazaricos, Negreira, Pontecesures, Boiro, Cambados, O Rosal, Rois, Coristanco, Rianxo, Barro, Palas de Rei, O Grove, Muxía ou Mesía son algúns dos concellos con colexios que se sumaron a esta iniciativa. Co obxectivo de facilitar o traballo na clase respecto da asistencia ao espectáculo como complemento da formación docente, o CDG elaborou unha guía didáctica asinada por Cristina Pérez Asenjo.

Anabel Gago, Avelino González, Bea, Noemi Rodríguez, Fran Peleteiro, Manuel Polo e José Carlos Illanes compoñen o renovado elenco da montaxe que dá vida a máis de 40 personaxes animados e inanimados. O espectáculo foi construído a xeito de creación colectiva baixo a dirección de escena de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, de Artello–Teatro Alla Scala 1:5. Outros membros do equipo artístico como Carlos Alonso (espazo escénico e vestiario), Manuel Pombal (dirección musical), Santi Mañasco (iluminación, xunto a Santiago Montenegro) ou Santos Carrrera (atrezzo) asinan a nova versión.

RECUPERAR O RISO

En Tarará-chis-pum!, unha rapaza, pequena aprendiz de pallasa, perde o riso na escola. Para encontralo, emprende unha viaxe fantástica que a levará a percorrer espazos como un mercado, o fondo do mar, o bosque ou mesmo a lúa. Tras unha intensa busca, a acción acaba no circo, onde por fin a pallasa atopará o seu desexado riso.

A compañía Artello Teatro estreou Tarará-chis-pum o 15 de novembro de 1978 na desaparecida Sala Carral de Vigo. Foi o primeiro espectáculo profesional de teatro infantil feito en Galiza. A boa acollida que tivo por parte do público materializouse na realización de noventa funcións e na súa prolongación en cartel até setembro de 1981. Este espectáculo recibiu, ademais, a mención especial na primeira edición dos Premios da Crítica Galicia en 1979.

Vinte e nove anos despois, o Centro Dramático Galego recupera a peza, mantendo no esencial a súa estrutura dramática e, sobre todo, o espírito de creación colectiva. Con esta nova posta en escena e cun novo elenco integrado agora maioritariamente por actores mozos, trata de facer unha invitación renovada ao xogo baseado na imaxinación, na ilusión ou na vontade de cadaquén.

FUNCIÓNS PARA PÚBLICO FAMILIAR

Esta fin de semana ás 18.00 horas terán lugar as primeiras das representacións abertas ao público xeral. En total desenvolveranse sete funcións, os días 10, 11, 17, 18, 24, 25 e 31 de marzo.

As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 6 € para o sábado e de 3 € para o domingo, día do espectador.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal