AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MAÑÁ SÁBADO 3 DE MAIO, ÁS 21.00 H

A Gallaecia Big Band estrea espectáculo no Salón Teatro con Luis Iglesia e Sito Sedes como artistas convidados

[02/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece mañá sábado, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago de Compostela ‘Gallaecia All Stars’, o espectáculo co que a Gallaecia Big Band debuta nos escenarios tras dar o salto desde a pequena pantalla.

Cartaz Gallaecia Big Band

O actor Luis Iglesia e o cantante e produtor Sito Sedes participan na estrea deste ‘show’ como vocalistas convidados desta formación, que naceu hai un ano ao abeiro do programa da TVG ‘Heicho cantar’ e comeza agora a súa aventura nos escenarios.

Co seu espectáculo ao vivo, a que actualmente é a única big band profesional galega en activo pretende devolver o público ao tempo das big band clásicas, como as de Glen Miller, Duke Ellington, Count Basie ou Pérez Prado.

Paty Lesta e Sergio Zearreta son os cantantes da Gallaecia Big Band, integrada por 13 recoñecidos músicos do panorama galego e co pianista Cristian Leggiero a cargo da dirección e dos arranxos. Cunha coidada posta en escena, preséntanse como unha alternativa para as festas de Galicia a través dunha proposta na que os números humorísticos se intercalan entre un repertorio musical que inclúe chachachás, mambos e rock and roll, entre outros estilos.

Venda de entradas
As entradas para a súa estrea de mañá poden mercarse a un prezo de 8 euros a través da páxina web entradas.novagaliciabanco.es ou na billeteira do Teatro Principal (Rúa Nova, 22), aberta de 18.00 a 21.00 horas. No despacho de billetes do Salón Teatro, estarán á venda mañá a partir das 19.00 horas.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal