AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO DE SANTIAGO ACOLLE DÚAS FUNCIÓNS PARA ESTUDANTES DE SECUNDARIA O MARTES 20 E O MÉRCORES 21

A Consellería de Cultura e Educación colabora na campaña escolar da compañía Malasombra co espectáculo 'Smoke City' sobre os riscos do tabaquismo

[18/05/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora na campaña escolar que a compañía Malasombra está a desenvolver co espectáculo ‘Smoke City. A cidade do fume’ co obxectivo de afondar na concienciación do alumnado galego sobre as graves consecuencias do tabaquismo para a saúde. A montaxe chega agora ao Salón Teatro de Santiago para ofrecer este martes día 20 e o mércores 21, ás 11.00 horas, dúas funcións dirixidas a estudantes de secundaria.

Smoke City

A Consellería de Cultura e Educación contribúe a esta iniciativa pola súa dobre función de difusión entre a mocidade tanto do idioma galego como das vantaxes de levar uns hábitos de vida saudables. A este apoio, materializado a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), engádese tamén o dos diferentes concellos que, desde a estrea do espectáculo a principios da temporada teatral 2013-14, se están a sumar a esta campaña.

Escrita por José Luis Prieto, ‘Smoke City’ está interpretada por Xoque Carbajal, Alberto Rolán, Jouse García e Ramón Orencio baixo a dirección de Marcos Orsi. Sen renunciar ao humor, a obra aborda o problema do tabaquismo incidindo nas graves consecuencias a curto prazo na saúde e na calidade de vida dos fumadores. Fai fincapé, así mesmo, nos beneficios de levar unha existencia limpa, que nos permita gozar de numerosas actividades sen dependencias nin ataduras físicas e psíquicas.

Cómic teatral
‘Smoke Ciy’ é unha historia de acción con música en directo, unha aventura urbana de gansters e policías que ten lugar nunha cidade dominada polo capo das mafias do tabaco, Silvio Nicotini. Neste cómic teatral, o detective Bob Cleaner ten como misión rematar con esta mafia e rescatar das súas redes a Jon Calquera, un cidadán máis que, como moitos outros, é vítima dos sinistros plans de Nicotini.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal