AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ENTRADAS ESGOTADAS PARA ESTAS DÚAS FUNCIÓNS

O Salón Teatro encherase este sábado para a sesión dobre do 'Menú do día' de Carlos Blanco e Luis Davila

[29/05/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acolle este sábado 31 de maio unha sesión dobre de ’Menú do día’, o novo espectáculo do actor Carlos Blanco xunto ao debuxante Luis Davila, para a que xa están esgotadas as entradas. Con estas dúas funcións no espazo compostelán, programadas ás 20.00 e ás 22.30 horas, ambos os humoristas rematan a xira de presentación da súa montaxe tras visitar diferentes localidades de toda Galicia.

Menú do día

‘Menú do día’ é unha orixinal proposta e aposta técnica, na que Luis Davila debuxa en directo as historias que Carlos Blanco lles conta aos espectadores e que estes poden ver convertidas en imaxes a través dunha gran pantalla. Para a conxunción destes dous talentos humorísticos con numerosos seguidores en toda Galicia cóntase, así mesmo, cunha banda sonora de luxo composta para a ocasión por Kepa Junquera e Budiño.

Trátase, en definitiva, dun espectáculo no que as viñetas soben a escena e as historias se converten en debuxos co obxectivo de garantir as risas do público asistente, que terá a oportunidade de ver e escoitar en directo as historias de ‘Dora A Desbrosadora’, ‘As bravas do país’ ou ‘Os kiwis’, entre outras.

‘Meu ben’ por Eme2
A programación do Salón Teatro continuará o martes que vén, día 3 de xuño, con Teatro Muxicas, o grupo teatral da delegación da ONCE en Ourense, e a súa versión da obra de Friedrich Dürrenmatt 'A visita da vella dama'. A continuación, o Salón Teatro acollerá o espectáculo ‘Meu ben’, produción de Eme2 a partir do texto da irlandesa Elaine Murphy, que se representará en Santiago do mércores 4 ao domingo 8 de xuño. Baixo a dirección de Álvaro Lanvín, Rocío González, Elina Luaces e Mercedes Castro interpretan tres xeracións de mulleres de clase media que rememoran un ano extraordinario de amor, sexo, vida, morte e clases de salsa.

As entradas para as súas cinco funcións no Salón Teatro están xa á venda a través da billeteira da web entradas.novagaliciabanco.es e no despacho de billetes do Teatro Principal, aberta de martes a sábado en horario de 18.00 a 21.00 h.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal