AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A CORAL E A BANDA DE MÚSICA SOLFA ACTÚAN ESTE VENRES 20, ÁS 20.30 H, E O GRUPO DE TEATRO DE DOWN COMPOSTELA REPRESENTA 'AS PROBAS DE HÉRCULES' O 27 ÁS 21.00 H

O Salón Teatro cede o seu escenario para as funcións especiais da Asociación Cultural e Musical Solfa e da Fundación Down Compostela

[18/06/2014] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria entra na recta final da súa programación de xuño con dúas sesións especiais de música e de teatro promovidas respectivamente pola Asociación Cultural e Musical Solfa e a Fundación Down Compostela.

Banda Solfa

O escenario do espazo compostelán cédese este venres día 20 para o concerto de fin de curso que a Coral e a Banda de Música de Solfa ofrecerán a partir das 20.30 horas. Baixo a dirección de Francisco Tobar Cereijo, a Coral abrirá este recital cun repertorio que vai desde poemas do século XVI de Luís de Camões ata poetas do século XX como Celso Emilio Ferreiro e Manuel María, sen descoidar a nosa música popular. De seguido, a Banda de Música, con Fernando Rey Mayo á batuta, interpretará bandas sonoras de coñecidas películas internacionais.

A asociación compostelá Solfa botou a andar en 1997, centrando o seu labor na formación musical de alumnos de todas as idades. Froito destes anos de traballo, logrou constituír tanto unha banda de música integrada por 28 instrumentistas como unha agrupación coral que conforman 30 persoas.

Estrea en Santiago
Pola súa banda, o venres 27 de xuño ás 21.00 horas a Fundación Down Compostela regresará por terceiro ano consecutivo ao Salón Teatro para estrear a nova proposta do seu grupo teatral. Desta volta, porá en escena ĎAs probas de Hérculesí, o sexto espectáculo realizado pola compañía de Down Compostela no marco do seu programa de actividades, que ten entre as súas prioridades garantir ás persoas con discapacidade intelectual maiores cotas de independencia e de participación social.

A entrada para asistir a ambas as citas do 20 e 27 de xuño é gratuíta, previa retirada dos convites no despacho de billetes do Salón Teatro, que abrirá ao público desde dúas horas antes do comezo dos espectáculos.

(Na imaxe, un momento da actuación ofrecida pola Banda de Música da Asociación Solfa o pasado mes de abril. Fonte: asociacionsolfa.org)

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal