AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

‘ROMEO E XULIETA’ E ‘MOBILE LOVERS BY BANSKY’ REALIZÁRONSE NO MARCO DE PROGRAMAS DESEÑADOS POLA UNIDADE DE ATENCIÓN EDUCATIVA EN ALTAS CAPACIDADES DA USC

O Salón Teatro acolle este domingo as estreas dun musical e dunha curtametraxe promovidas pola Asociación de Altas Capacidades de Galicia

[27/06/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis na xornada artística promovida pola Asociación de Altas Capacidades (Asac) de Galicia e a Unidade de Atención Educativa en Altas Capacidades da Universidade de Santiago de Compostela (USC) para compartir cos espectadores os traballos realizados nos diferentes programas de enriquecemento especialmente deseñados para alumnos e alumnas cun potencial elevado.

Detalle do cartaz

Con tal fin, Cultura e Educación cede o Salón Teatro de Santiago para as estreas, este domingo 29 de xuño a partir das 19.00 horas, do musical ‘Romeo e Xulieta’ e da curtametraxe ‘Mobile Lovers by Bansky’. A entrada será libre ata completar a capacidade do teatro.

Perspectiva multidisciplinar
Os nenos e nenas participantes no Proxecto QVO 2.0, desenvolvido durante este curso na Domus da Coruña, exhibirán neste escenario a súa versión musical da traxedia de Romeo e Xulieta, de William Shakespeare. A través desta iniciativa, deseñada pola Unidade de Atención Educactiva en Altas Capacidades para o programa municipal EducaCoruña, o alumnado tivo a oportunidade de afondar desde unha perspectiva multidisciplinar en cada un dos aspectos necesarios para levar a escena esta montaxe.

Pola súa banda, ‘Mobile Lovers by Bansky’ é o resultado do traballo realizado por dous grupos de adolescentes (Libra e Cáncer) durante o obradoiro ‘O mundo da interpretación’, unha das actividades do Programa de Enriquecemento para Nenos e Nenas de Altas Capacidades da Asac, dirixido e coordinado así mesmo polo devandito departamento especializado da USC. Neste caso, contouse coas achegas na dirección, realización e pedagoxía do guionista e director audiovisual Edu Lavandeira e da actriz Estíbaliz Veiga.

O obxectivo desta sesión artística é amosar e difundir dous exemplos do labor que se está a levar a cabo con alumnos e alumnas de altas capacidades en Galicia, así como incidir na importancia de prestarlles unha atención específica e especializada aos estudantes que contan cun potencial elevado.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal