[06/10/2014] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria cualificou hoxe de "salto cualitativo sen precedentes" o avance nas relacións de intercambio teatral coas escenas de Portugal e de Cataluña impulsadas polo Centro Dramático Galego (CDG) no marco da súa nova temporada 2014-15. Xesús Vázquez Abad fixo estas declaracións na presentación do plan de produción e coprodución que a compañía pública galega desenvolverá nos vindeiros meses, durante os que se traballará en parcería co Teatro Nacional Dona María II de Lisboa e co Teatro Nacional de Cataluña coa implicación de destacados nomes da nosa escena.
Así, tras a xira que levará o espectáculo ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ a 11 localidades galegas ata finais de ano, o CDG contará con Cándido Pazó para acometer a dirección escénica de ‘Xardín suspenso’, do autor portugués Abel Neves, como segunda produción propia da temporada.
Acordos institucionais
Esta proposta, que chegará aos teatros galegos no mes de marzo, é un dos resultados do acordo institucional asinado co Dona María II -o máis importante centro de teatro público portugués- que, como explicou o titular de Cultura e Educación, permitirá tamén o tránsito escénico a Portugal da obra ‘Saxo tenor’, de Roberto Vidal Bolaño, que será producida en Lisboa baixo a dirección de José Martins.
Doutra banda, e xa no apartado da coprodución, Vázquez Abad destacou tamén o "interesante diálogo" que se establece co Teatro Nacional de Cataluña (TNC) de acordo coa mesma "finalidade prioritaria de impulsar o noso teatro fóra de Galicia". Neste caso, ambas as estruturas públicas implicaranse na montaxe de ‘Ganas de ouvear’, unha peza da compañía Catrocadeiras a través da que se porá en valor a calidade poética do creador galego Alfonso Pexegueiro en relación coa obra do poeta catalán Narçis Comadira. Dani Salgado dirixirá este espectáculo, ademais de asinar a dramaturxia e a interpretación xunto a Joan Giralt, cara á súa estrea na Sala Tallers do TNC o vindeiro mes de abril.
Nesta presentación da nova temporada do Centro Dramático Galego, o conselleiro estivo acompañado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil; e o director do CDG, Manuel Guede Oliva. Durante o acto, avanzáronse igualmente outras iniciativas de colaboración promovidas pola compañía institucional galega, ademais do seu plan formativo e da programación escénica e musical que acollerá a súa sede do Salón Teatro de Santiago.
Para afondar en cada un destes proxectos, contouse coas intervencións de Cándido Pazó e de Dani Salgado, así como de Manuel F. Vieites, director da Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia; José Díaz, da compañía Voadora; e Fran Núñez, de Limiar Teatro.
Proxecto Nós
A ESAD é, por exemplo, unha das estruturas educativas implicadas no ‘Proxecto Nós Territoro (ES)Cénico Portugal-Galicia’, no que participan tamén o CDG mailo Teatro Nacional Dona María II, xunto ao Teatro Nacional São João do Porto e ás escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto.
Esta iniciativa, que contempla a produción de dous espectáculos distintos en Galicia e en Portugal con alumnos dos devanditos centros, arrancará en 2015 no país veciño. A súa primeira montaxe, que irá acompañada dun encontro para a reflexión sobre as relacións culturais entre ambos os países, estará dirixida polo portugués Pedro Penim a partir do texto escrito expresamente por José María Vieira Mendes.
Colaboracións con Voadora e Limiar Teatro
Como explicou Vázquez Abad, tamén contribúen a fortalecer esta "complicidade galego-portuguesa" outras dúas iniciativas galegas que se insiren no apartado de colaboracións da temporada 2014-15 do Centro Dramático Galego. É o caso de ‘A tempestade’ de Voadora, compañía con fortes vínculos creativos e de distribución con Portugal, que nestes momentos se atopa no Salón Teatro para ofrecer ata o día 16 un total de 14 funcións da súa particular versión da obra de Shakespeare.
Así mesmo, neste capítulo de colaboracións sitúase ‘Pangeia’, proxecto multidisciplinar impulsado pola compañía galega Limiar Teatro e a braileira Acaso Danza, a través do que se busca afondar nos camiños creativos e culturais que unen Galicia, Brasil e Portugal. Fran Núñez e Bárbara Aguiar póñense á fronte dun equipo artístico transnacional, que conta co apoio do CDG, a Asociación de Produtores de Artes Escénicas de Pernambuco, o Festival Janeiro de Grandes Espectáculos de Recife e o Teatro da Malaposta de Lisboa. Este escenario lisboeta acollerá a estrea do espectáculo este xoves 9 de outubro.
Curso de dirección co canadense Joël Beddows
Como parte do seu programa de formación, o Centro Dramático Galego colabora esta temporada coa Universidade de Santiago de Compostela na organización do curso de dirección escénica que o canadense Joël Beddows impartirá a primeiros de xaneiro de 2015. Ademais de posuír unha intensa e aclamada traxectoria como director teatral no seu país, Beddows é responsable do Departamento de Teatro da Universidade de Ottawa e dirixe unha cátedra sobre francofonía canadense a través da que se está a investigar sobre a relación entre o teatro e outras formas de arte, como a poesía contemporánea, neste ámbito.
Programación do Salón Teatro
Por último, e como xestora do Salón Teatro, a compañía pública galega adiantou tamén algunhas das principais citas escénicas, musicais e audiovisuais que terán lugar neste escenario durante este período. Así, trala estadía de Voadora con ‘A tempestade’, o escenario compostelán será unha das sedes de tres importantes eventos: Womex (do 22 ao 26 de outubro), Galicia Escena PRO (do 3 ao 5 de novembro) e Cineuropa (do 7 ao 30 de novembro).
Xa en decembro, o Salón Teatro acollerá a estrea de ‘Sweeney Todd. O barbeiro diabólico da rúa Fleet’ pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago (días 3 e 4) e o Festival de Teatro Afeccionado Agustín Magán (do 5 ao 7), para recibir a continuación a produción propia ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, que estará en cartel do 9 ao 30 de decembro como peche do seu percorrido por toda Galicia.
A Gallaecia Big Band, Brais Morán, Elefante Elegante, Xavier Varela e Companhia de Teatro de Braga son algúns dos artistas e formacións que figuran na carteleira do primeiro semestre do ano, que inclúe así mesmo a exhibición do resto de producións, coproducións e colaboracións do Centro Dramático Galego nesta temporada: ‘Xardín suspenso’ (do 20 marzo ao 5 abril), ‘Pangeia’ (do 15 ao 19 de abril), ‘Ganas de ouvear’ (do 23 ao 26 de abril), ‘Saxo tenor’ (do 28 ao 31 de maio) e o espectáculo resultante do Proxecto Nós (do 17 ao 21 de xuño).