AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CON FUNCIÓNS PARA TODA A FAMILIA OS DÍAS 13, 14, 22, 23, 26, 27, 28, 29 E 30, ÁS 18.00 HORAS

Comeza no Salón Teatro a campaña de Nadal de 'As laranxas máis laranxas...'

[09/12/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria inicia esta semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela a intensa campaña de Nadal do espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’, coa que culminan dous meses de xira desta versión para toda a familia da coñecida obra de Carlos Casares.

As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

Esta montaxe de teatro e música en directo, con dirección escénica do luso-brasileiro José Caldas, despedirase dos escenarios cun total de nove representacións para o público xeral, que terán lugar nesta fin de semana do 13 e 14 de decembro e durante o período vacacional (días 22, 23, 26, 27, 28, 29 e 30 de decembro). As entradas para estas funcións familiares, que terán lugar as 18.00 horas, poden adquirirse anticipadamente a través da web entradas.abanca.com a un prezo especial de 3 euros.

Alumnos procedentes de 12 concellos
Ao tempo, o CDG levará a cabo unha ducia de representacións matinais para escolares de toda a provincia, que deron comezo esta mesma mañá con dous pases ás 10.00 e ás 12.00 horas para os alumnos e alumnas do CEIP Barouta de Ames, CEIP Pedrouzo de Brión e CEIP Lamas de Abade, IES do Sar e Colexio San Pelayo-Emma de Santiago. En total, serán 2.424 estudantes de 23 centros educativos procedentes de 12 concellos (Ames, Boiro, Brión, Cee, Corcubión, Negreira, O Pino, Porto do Son, Rois, Santiago, Vedra e Vilasantar) os que se desprazarán estas dúas semanas ao Salón Teatro para gozar da obra de Casares.

Con esta temporada de exhibición en Compostela, rematará o percorrido de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ despois de ter visitado outros dez escenarios de toda Galicia co obxectivo de que os espectadores máis novos aprendan a gozar da experiencia de asistir ao teatro e descubran, ao tempo, unha gran figura da nosa literatura.

Nova ollada
O espectáculo ofrécelle ao público unha ollada renovada sobre a obra que a compañía da Xunta de Galicia xa levara a escena hai 10 anos. Agora, o CDG reedita a súa homenaxe ao autor ourensán con esta revisión do seu texto e da montaxe previa, para a que volve contar con José Caldas na dirección escénica e con Bernardo Martínez, na musical, ademais de recuperar a escenografía e o vestiario deseñados no seu día pola portuguesa Marta Silva.

A produción de 2014 está interpretada por un novo elenco de seis actores e actrices (Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu e Laura Villaverde), que forman parte dunha xeración de intérpretes multifacéticos que se está a formar e a abrir paso en Galicia. Da súa man, o director buscou descubrir máis matices e achegarlles unha maior profundidade aos personaxes orixinais.

Todas as expresións artísticas
A recreación ideada por Caldas -quen conta con máis de 45 anos de traxectoria vinculada á escena brasileira e, fundamentalmente, á portuguesa- reúne nun só acto todas as expresións artísticas, con elementos que van dende a traxedia grega ao teatro popular de rúa de Brasil e Portugal, pasando pola Comedia da Arte e ofrecendo tamén unha homenaxe ao mundo do circo.

Porén, mantense fiel a toda a obra infantil de Casares, de xeito que esta versión teatral de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ integra harmoniosamente o conto ‘A galiña azul’, así como outros textos do escritor ourensán que se empregan nas letras das cancións compostas por Bernardo Martínez. Todos estes elementos contribúen a crear o mundo máxico e colorista que habitan Anxa e Elías, xunto á Veciña Sabida, a Veciña Desdentada, o Veciño Gordo e o Veciño da Escopeta, e no que teñen lugar unha serie de disparatados acontecementos que dan comezo cando do limoeiro da horta dos protagonistas abrollan unhas enormes laranxas.

‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ está considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural ‘O Facho’. Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van, o seu autor afirmaba que a peza era "un disparate continuo de movemento e fantasía".

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal