AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO DO CDG REPRESENTARASE NUN PASE ÚNICO ÁS 20.30 HORAs

'Xardín suspenso' chega ao ecuador da súa xira o mércores 6 de maio no Teatro Afundación de Vigo

[29/04/2015] O Teatro Afundación de Vigo ofrecerá o vindeiro mércores 6 de maio un pase único do espectáculo ‘Xardín suspenso’, dirixido para o Centro Dramático Galego (CDG) polo vigués Cándido Pazó. Con esta función, que terá lugar ás 20.30 horas, a compañía da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria alcanzará o ecuador da xira que está a desenvolver con esta versión da obra de Abel Neves, un dos dramaturgos máis recoñecidos da actual escena portuguesa, e que rematará a finais de maio en Lisboa despois de ter visitado unha decena de escenarios.

Presentación de Xardín Suspenso en Vigo

A montaxe foi presentada hoxe en Vigo pola directora da Área Sociocultural de Afundación, María Teresa Cores; o director do CDG, Manuel Guede Oliva, e a actriz Melania Cruz, en representación dun elenco do que tamén forman parte César Cambeiro, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos.

Encontro na ESAD
Ademais, tanto Manuel Guede como Melania Cruz visitarán esta tarde a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia para participar nun coloquio arredor de ‘Xardín suspenso’ xunto a Cándido Pazó e a Afonso Becerra, profesor desta escola e autor do caderno pedagóxico do espectáculo. O encontro terá lugar ás 16.30 horas na sala Pedra Seixa da sede da ESAD en Vigo.

Melania Cruz interpreta o papel de Lucía, a moza protagonista desta galardoada obra, pola que Abel Neves obtivo en 2009 o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva, o máis importante dos certames de literatura dramática convocados no ámbito lusófono. ‘Xardín suspenso’ é un drama sobre a condición humana, o desamor e os sentimentos en estado puro, que indaga tamén nas tensións e contradicións das relacións familiares.

Carlos Alonso deseñou para esta produción un xardín ao estilo zen -de area branca, desprovisto de plantas e sen apenas decoración- como un lugar onde se confunden paz e esterilidade. Trátase do agasallo que Lucía constrúe para o seu amado e serve, así mesmo, de metáfora do estado letárxico no que se somerxe a rapaza cando Mateo lle anuncia que casa con outra, crebando así o seu compromiso de amor adolescente. Mais o xardín reflicte tamén a incapacidade de reacción por parte da familia da protagonista diante dunha situación que altera a súa aparente normalidade e que se nos anuncia como unha traxedia inminente.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para o pase do mércores 6 en Vigo está xa operativa a través das canles habituais de Afundación, no web www.ataquilla.com e no teléfono 902 504 500. Tamén poderán adquirirse na billeteira do teatro o propio día da función.

Tras a súa presentación en Vigo, ‘Xardín supenso’ non abandonará a provincia de Pontevedra e viaxará ata Tui, onde ten prevista unha función no Teatro Municipal o venres 8 de maio, ás 21.30 horas.

O espectáculo poderá verse tamén en Rianxo (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ourense (Teatro Principal, do 16 ao 18 de maio), A Coruña (Teatro Rosalía Castro, 22 de maio) e Lisboa (Teatro Nacional D. María II de Lisboa, do 28 ao 31 de maio).

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal