AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O VENRES 8 E O SÁBADO 9, ÁS 20.30 HORAS

O Salón Teatro presenta en Galicia 'NÓS', unha creación colectiva portuguesa que elimina barreiras entre as comunidades xorda e ouvinte

[07/05/2015] O Salón Teatro de Santiago programa esta fin de semana o espectáculo portugués NÓS, unha creación colectiva da plataforma artística PELE para o Grupo de Teatro de Surdos do Porto, que aposta pola implicación social e bota man da linguaxe universal da arte da escena para eliminar barreiras entre as comunidades xorda e ouvinte.

Nos

A montaxe, inspirada na obra do autor portugués Valter Hugo Mãe A máquina de fazer espanhóis, represéntase na sede do Centro Dramático Galego (CDG) mañá venres 8 e o sábado 9, ás 20.30 horas, no marco da liña de colaboración que a compañía pública galega mantén esta temporada con diferentes estruturas teatrais do país veciño, entre as que se atopan tamén o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, a Companhia de Teatro de Braga, Teatro Bruto do Porto e a Companhia de Teatro de Almada.

Montaxe bilingüe
Este espectáculo bilingüe, escenificado en portugués e en lingua xestual portuguesa, aborda -xa desde o propio título- a memoria de nós mesmos que gardamos nos silencios. Así, tal e como explican os seus creadores, os xestos serven aquí para resgar os outros nós, os que nos prenden no tempo e no espazo, "para encher os nosos días de memorias vividas ou aínda por vivir". João Pedro Correia é o responsable da dirección escénica e da dramaturxia desta proposta, para a que conta coa dirección musical de Filipe Fernandes e con 13 intérpretes sobre as táboas: Almira Moreira, Filipe Fernandes, Henrique Ribeiro, Isaura Morais, Joana Silveira, João Pedro Correia, Margarida Carvalho, Melissa Silva, Ricardo Cottin, Rosário Costa, Simão Luís, Sofia Gomes e Sofia Quintas.

NÓS é o cuarto proxecto teatral resultante da colaboración entre Pele Espaço de Contacto Social e Cultural e a Associação de Surdos do Porto, que traballan xuntos desde 2008 co fin de contribuír á inclusión e cohesión social da comunidade xorda a través da posta en marcha de diferentes experiencias artísticas.

As entradas para asistir ás súas dúas representacións en Compostela poden adquirirse por adiantado no despacho de billetes do Teatro Principal. Tamén estarán á venda no do Salón Teatro mañá e o sábado desde as 18.30 horas. O espectáculo está incluído, así mesmo, no Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). O prezo deste bono, que pode mercarse nas devanditas billeteiras, é de 35 euros para un total de 5 funcións a elixir entre todas as desenvolvidas en 2015 como parte desta oferta.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal