AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O CDG SITUOU O AUTOR GALEGO NO REPERTORIO DO PRINCIPAL TEATRO PÚBLICO PORTUGUÉS

O Teatro D. Maria II de Lisboa encheuse a pasada noite para acoller a estrea da obra de Roberto Vidal Bolaño 'Sax Tenor'

[08/05/2015] O patio de butacas do Teatro Nacional D. Maria II (TNDM II) de Lisboa encheuse a pasada noite para acoller a estrea da obra de Roberto Vidal Bolaño ‘Sax Tenor’, primeiro título da dramaturxia galega que entra a formar parte do repertorio do principal teatro público de Portugal.

Escena do espectáculo

Esta produción, que poderá verse na capital lusa ata o día 24, insírese no acordo que o TNDM II mantén co Centro Dramático Galego (CDG) para o intercambio de autores fundamentais de ambos os sistemas teatrais.

O director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais), Jacobo Sutil, e mais o director do CDG, Manuel Guede Oliva, xunto co director do D. Maria, Tiago Rodrigues, presenciaron esta primeira función diante do público lisboeta, á que tamén asistiron profesionais da escena portuguesa e galega, tales como Rui Madeira, director da Companhia de Teatro de Braga, ou Rubén Ruibal, Premio Nacional de Literatura Dramática e estreito colaborador de Vidal Bolaño.

Ao remate da función e tras o segundo aplauso, o director do espectáculo, José Martins, tomou a palabra desde o escenario para agradecerlle a todos os implicados a participación na "recuperación do diálogo teatral entre Galicia e Portugal". Tamén fixo referencia a Roberto Vidal Bolaño como "o grande dramaturgo peninsular" e amosou a súa gratitude pola posibilidade de traballar sobre os seus textos.

Con ‘Sax Tenor’, Martins volve poñerse á fronte dunha montaxe a partir da escrita de Vidal Bolaño, do que xa dirixira ‘Mar revolto’ para o CDG, ademais de protagonizar como actor ‘A burla do galo’, tamén producida pola compañía da Xunta de Galicia.

Unha ‘desgraza suburbana’
Na posta en escena de ‘Sax Tenor’ para o Teatro Nacional D. Maria II, o director portugués conta cun total de 14 intérpretes (João Grosso, Hugo Franco, Jorge Albuquerque, Maria Amélia Matta, Maria Jorge, Rita Figueiredo, Lita Pedreira, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Lúcia Maria, Paula Mora, José Neves, Manuel Coelho e Maria Ana Filipe) para lle dar vida aos numerosos personaxes desta "desgraza suburbana improbable entre loucos, gangsters, chulos e putas", tal e como foi subtitulada no seu día polo propio autor. Rui Francisco é o deseñador da escenografía e do vestiario, mentres que José Carlos Nascimento asina a iluminación.

O texto de Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) foi proposto polo CDG para esta colaboración institucional co Teatro Nacional D. María II como unha das pezas claves da ampla obra do que é un dos máis importantes dramaturgos galegos contemporáneos. Definido pola compañía pública portuguesa como "herdeiro lexítimo de Ramón María del Valle Inclán", o autor e director galego escribiu esta obra en 1991 a modo de esperpento do século XX, cunha trama que se desenvolve á sombra da catedral compostelá. Foi galardoado co Premio Álvaro Cunqueiro para textos teatrais e representado por Teatro do Aquí, a compañía de Roberto Vidal Bolaño, baixo a súa dirección.

Tras a súa estadía na sala Garret do TNDM II, ‘Sax Tenor’ porá rumbo a Galicia para ser representada no Teatro Principal de Santiago de Compostela os días 29 e 30 de maio.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal