AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REPRESÉNTASE DESDE MAÑÁ MÉRCORES 17 ATA O DOMINGO 21

Chega ao Salón Teatro 'Bilingue', o espectáculo inaugural do 'Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia'

[16/06/2015] O Salón Teatro de Santiago será o escenario da presentación en Galicia de ‘Bilingue’, primeiro espectáculo xurdido do ‘Proxecto NÓS Territorio (es)Cénico Portugal Galicia’, que se exhibirá na sede do Centro Dramático Galego (CDG) desde mañá mércores 17 e ata o domingo 21 de xuño.

Bilingue

Anxo Lorenzo, secretario xeral de Cultura; Jacobo Sutil, director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Manuel Guede Oliva, responsable do CDG; e o portugués Pedro Penim, director escénico da montaxe, achegaron hoxe as claves desta iniciativa de intercambio teatral e da súa proposta inaugural, que chega a Compostela trala súa representación na sede do D. Maria II de Lisboa e mais na que o São João do Porto ten no Teatro Carlos Alberto (TeCA).

Rede de artistas novos
Tal e como explicaron, estas dúas compañías públicas portuguesas mailo Centro Dramático Galego participan neste proxecto xunto á Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia e ás tamén escolas superiores de Teatro e Cinema (ESTC) de Lisboa e de Música, Artes e Espectáculo (ESMAE) do Porto. O obxectivo é desenvolver unha rede de circulación de artistas novos -formados nestas tres escolas- nun contorno de traballo profesional, que incida, ao tempo, no impulso das relacións entre as escenas de Galicia e Portugal, ámbito de traballo que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén reforzando nos últimos anos a través do CDG.

Na súa intervención, o secretario xeral de Cultura referiuse a ‘Bilingue’ como un espectáculo que forma parte dun proceso de aprendizaxe importante, cunha base pedagóxica que o distingue dos proxectos de intercambio precedentes. Neste sentido, argumentou que se trata de sementar vinculacións e coñecementos comúns entre persoas e institucións para dar como resultado un conxunto de elementos que, a medio e longo prazo, poidan dotar de complicidade o desenvolvemento dun espazo teatral compartido entre Galicia e Portugal.

O espectáculo que chega agora a Compostela, con funcións ás 21.00 horas de mércores a sábado e ás 18.00 horas o domingo, foi producido en Lisboa baixo a dirección de Pedro Penim a partir da dramaturxia escrita expresamente por José Maria Vieira Mendes. Ambos os creadores, membros da compañía lisboeta Teatro Praga, contaron cun equipo artístico e técnico galego-portugués integrado por alumnos e alumnas de interpretación, das especialidades técnicas e de dirección escénica das tres escolas superiores participantes no proxecto.

Equipo galego
As actrices Ailén Kendelman e Sabela Ramos Candedo, xunto co escenógrafo Lucas Rodríguez Fernández, son os representantes da ESAD nesta primeira montaxe de NÓS, que terá continuidade en 2016 cun novo espectáculo. Segundo se avanzou hoxe, esa segunda produción estará liderada polo Centro Dramático Galego, que contará cunha dramaturxia de Fernando Epelde e a dirección de Tito Asorey.

‘Bilingue’ presenta unha conversa escénica falada en dous idiomas na procura dun punto en común. O resultado é unha amalgama luso-galaica e un eloxio da ambivalencia nunha especie de xogo que apaga uns significados para atopar outros novos.

Coas súas cinco funcións en Santiago ponse fin á temporada escénica 2014-2015 do Centro Dramático Galego, durante a que a compañía pública galega acometeu, así mesmo, a produción propia de ‘As laranxas máis laranxas de todas as laranxas’ e de ‘Xardín suspenso’. Houbo tamén lugar para a coprodución de ‘Ganas de ouvear’ xunto ao Teatre Nacional de Catalunya e Catrocadeiras, así como para unha estreita colaboración con proxectos doutras compañías privadas como ‘A Tempestade’, de Voadora, e ‘Pangeia’, de Limiar Teatro e Acaso Dança. Ademais, as portas do Salón Teatro estiveron abertas durante estes nove meses para a exhibición de montaxes teatrais, concertos e proxeccións audiovisuais.

Venda de entradas
As entradas para asistir a ‘Bilingue’ están xa á venda no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Teatro Principal de Santiago, aberto ata o sábado de 18.00 a 21.00 horas. No Salón Teatro, poderán adquirirse desde dúas horas antes do inicio de cada representación.

O espectáculo tamén forma parte da oferta do Bono de Teatro Galego (e Portugués), promovido conxuntamente polo Concello de Santiago de Compostela e a Agadic. O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de cinco funcións a elixir entre todas as desenvolvidas en 2015 no marco deste programa promocional.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal