AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A FUNCIÓN SERÁ O DÍA 6 NO AUDITORIO DA BIBLIOTECA ALMEIDA GARRETT

O CDG leva Tarará-Chis-Pum! ao Festival "Fazer a Festa" do Porto

[04/05/2007] O Centro Dramático Galego (CDG) leva ao Porto (Portugal) a súa produción infantil Tarará-Chis-Pum!, dentro da vixésimo sexta edición do Festival Internacional de Teatro "Fazer a Festa" que se celebra até o 13 de maio na cidade lusa. Organizado pola compañía Teatro Art´Imagem, o programa do encontro abrangue 14 espectáculos, que desenvolverán un total de 27 representacións. A función do CDG terá lugar este domingo día 6 ás 16:30 horas no Auditorio da Biblioteca Municipal Almeida Garrett.

Imaxe de Tarará-Chis-Pum!

"Fazer a Festa", que se caracteriza polo seu traballo de especial sensibilización cara ao público infantil e xuvenil, conflúen compañías consagradas con novos valores escénicos, presentación de proxectos e de creadores, así como un programa especialmente dirixido á escolas, exposicións, debates, música e cine-video.

Tarará-Chis-Pum!estreouse o pasado 2 de febreiro en Vigo e ofrece unha nova versión do espectáculo homónimo representado en 1978 por Artello Teatro. Case trinta anos despois, o CDG recupera a peza, mantendo no esencial a súa estrutura dramática e, sobre todo, o espírito de creación colectiva. Con esta nova posta en escena e cun novo elenco integrado agora maioritariamente por actores mozos, trata de facer unha invitación ao xogo baseado na imaxinación, na ilusión ou na vontade de cadaquén.

Anabel Gago, Avelino González, Bea, Noemi Rodríguez, Fran Peleteiro, Manuel Polo e José Carlos Illanes compoñen o cadro actoral baixo a dirección compartida de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, de Artello–Teatro Alla Scala 1:5. Xunto a eles, outros membros do equipo artístico como Carlos Alonso (espazo escénico e vestiario), Manuel Pombal (dirección musical), Santi Mañasco (iluminación, xunto a Santiago Montenegro) ou Santos Carrrera (atrezzo) asinan a nova proposta.

O espectáculo completa coa actuación do Porto o seu ciclo de distribución despois de realizar funcións en 11 escenarios de diferentes cidades e vilas galegas e de visitar tamén a FETEN (Feira Europea de Teatro para Niños y Niñas) de Xixón.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal