AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PABLO DÍAZ E BANDA TIC TAC TOC OFRECEN UN CONCERTO PARA PÚBLICO FAMILIAR MAÑÁ SÁBADO, ÁS 12.00 HORAS

O Salón Teatro pecha a súa programación ata finais de ano con 28 representacións escénicas e musicais en cartel

[16/10/2015] A carteleira despregada no Salón Teatro para este último trimestre do ano recolle 28 novas representacións escénicas e musicais, que darán comezo mañá sábado, ás 12.00 horas, co concerto para público infantil de Pablo Díaz e Banda Tic Tac Toc dentro do I Festival Premios Martín Códax da Música. O escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será tamén unha das sedes doutras destacadas citas culturais da capital de Galicia, como as Xornadas de Música Contemporánea, o mercado Galicia Escena PRO, Cineuropa e o Festival de Teatro Amador Agustín Magán.

Pablo Díaz

Tamén neste período, presentaranse as últimas propostas de danza, teatro e novo circo producidas por BalletNorte xunto ao Centro Coreográfico Galego, Triatreros, Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Pistacatro e BocAberta. Con esta carteleira, o Salón Teatro estréase como espazo adherido ao programa Tarxeta-Bono Cultura Galega, da que poderán facer uso os mozos e mozas de 18 ao 30 anos para adquirir as entradas dos espectáculos representados polas devanditas compañías galegas.

Estrea de ‘Elementa!’
En canto á programación musical, as Xornadas de Música Contemporánea 2015, que deron comezo en Santiago o pasado día 10, achegarán o martes 20 a estrea de ‘Elementa!’, un espectáculo de música, teatro físico e danza que reúne o quinteto de ventos Zoar e os actores Alfonso Rivera e Xiana Vilas nun espazo escénico deseñado por Ana Inés Jabares, gañadora do prestixioso Linbury Prize de Escenografía. A música foi expresamente composta para este proxecto por Fernando Buide e Federico Mosquera.

O Concello de Santiago, a USC, o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), o Instituto Nacional de las Artes Escénicas y la Música (INAEM) e o Centro Nacional de Difusión Musical (CNDM) impulsan estas Xornadas, recuperadas en 2012 co obxectivo de fomentar e difundir as últimas tendencias e a innovación da música contemporánea. O Salón Teatro será o escenario para outras dúas citas dentro deste programa: o domingo 25 co espectáculo didáctico que ofrecerán o Grupo de Danza Contemporánea do Conservatorio de Danza de Lugo e o Grupo de Percusión do Conservatorio de Música Xoán Montes, e o martes 27 co recital da Camerata OSG xunto a Frank Stader ao violín e á guitarra eléctrica, baixo a dirección de Wladimir Rosinskij.

‘Atlántica’ en Santiago
Tamén en outubro, este espazo compostelán será unha das paradas da xira do espectáculo de danza ‘Atlántica’, coproducido pola nova compañía BalletNorte xunto ao Centro Coreográfico Galego, que poderá verse en Compostela o mércores 21 e o xoves 22. Esa mesma semana (venres 23 e sábado 24) chegará a quenda para o teatro da man da compañía Triatreros, que presentará aquí a súa adaptación de ‘Listo para sentenza’, comedia satírica escrita polo noruegués Henrik Svindel.

Xa en novembro, o Salón Teatro repetirá un ano máis como un dos espazos do mercado de artes escénicas Galicia Escena PRO, con funcións do martes 3 ao xoves 5, así como do festival Cineeuropa, cuxas proxeccións están previstas a partir do venres 6.

Tamén é unha habitual deste escenario a Aula de Teatro da USC, que volve escoller a sede do Centro Dramático para a estrea do seu novo espectáculo: ‘Cinza, a historia do poni que vivía no parque’, que representará os días 1 e 2 de decembro. E tras o teatro universitario, o pano levantarase para a escena afeccionada cunha nova edición do Festival de Teatro Amador Agustín Magán, que terá lugar do 4 ao 6 de decembro.

O circo e o teatro infantil pecharán esta carteleira coa montaxe ‘Desperta!’, de PistaCatro’ (do 9 ao 12 de decembro), e ‘A Tropa Trapalleira’, da nova compañía BocAberta (do 15 ao 20 de decembro). En ambos os casos, desenvolveranse tanto funcións matinais concertadas con centros escolares como funcións para o público xeral.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal