AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

OCUPARÁ O POSTO DE COORDINADORA DO DEPARTAMENTO DE PRODUCIÓN TEATRAL DA AGADIC

A directora e dramaturga compostelá Fefa Noia será a nova responsable do Centro Dramático Galego

[21/12/2015] O Consello Reitor da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acordou a contratación da compostelá Fefa Noia (María José Noya Ansede) para a cobertura do posto de coordinación do departamento de Produción Teatral, que inclúe, entre outras funcións, a de dirixir o Centro Dramático Galego.

Fefa Noia

Con este acordo, publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG), ponse fin ao procedemento público iniciado no pasado mes de xullo e desenvolvido con total transparencia e publicidade en cada unha das súas fases. A candidatura de Fefa Noia foi a que obtivo maior puntuación na suma das tres fases do proceso, que incluíron unha valoración dos méritos achegados, dun proxecto artístico e dunha entrevista persoal.

Entre as tarefas asignadas a este posto de persoal directivo están as de exercer a dirección artística do Centro Dramático Galego (CDG); dirixir, coordinar e planificar a actividade do Salón Teatro; decidir o plan de programación anual e seleccionar e contratar as compañías artísticas e/ou produtoras encargadas de cada espectáculo, así como dos artistas que se requiran para cada proxecto.

Deberá, tamén, impulsar acordos de cooperación e colaboración con outros centros análogos e cantas institucións públicas e privadas poidan contribuír á consecución dos fins do CDG, exercer a representación ordinaria da entidade e desenvolver todas as demais funcións que lle sexan encomendadas pola Dirección da Agadic.

Formación e experiencia
Fefa Noia naceu en Santiago de Compostela. É licenciada en Filoloxía Alemana (Universidade de Santiago de Compostela) e en Ciencia Teatral (Ludwig-Maximilian-Universität Munich LMU). Ampliou a súa formación no Teatro de La Abadía, en Madrid, no que formou parte do equipo de dirección artística durante máis de dez anos. Foi becaria da Fundación Pedro Barrié de la Maza, da Real Academia de España en Roma e da Comisión Fulbright (MA en Drama pola San Francisco State University de California).

Na actualidade, traballa como autora, dramaturga e directora. Como directora colaborou co Centro Dramático Galego, co Centro Dramático Nacional, coa Compañía Nacional de Teatro Clásico e co Teatro de La Abadía, onde exerceu como axudante de José Luis Gómez, Àlex Rigola, Georges Lavaudant, Dan Jemmett, Carles Alfaro ou Andrés Lima, entre outros.

Algunhas das súas postas en escena son ‘Andorra’ e ‘O coloquio dos cans’ (Corral de Alcalá/Abadía); ‘O amor namorado’ (La Caimana) ou ‘S.P.Q.R. Si vis pacem para bellum’ (RAER). Para o Centro Dramático Galego dirixiu en 2013 ‘Días sen Gloria’, de Roberto Vidal Bolaño, espectáculo central do ano da celebración do Día das Letras Galegas dedicado ao autor compostelán.

Coa súa propia compañía, Los lunes, dirixiu ’Wild Wild Wilde’, de José Ramón Fernández; ‘Cordas’, de Bárbara Colio; ‘Axuda’, de Maria Goos, (pola que recibiu o primeiro premio do Certame de Directoras de Torrejón de Ardoz 2015); e ‘País’, un texto escrito e dirixido por ela no que reflicte a realidade dos españois que se ven obrigados a abandonar hoxe o seu país en busca de oportunidades laborais, e que foi estreado o presente ano nas Naves do Teatro Español.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal