AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PAULA QUINTAS E MARTA ALONSO INTERPRETAN ESTA PROPOSTA DE TRASPEDIANTE PARA TODOS OS PÚBLICOS

O Salón Teatro despide mañá unha carteleira anual de 210 funcións coa estrea do espectáculo de danza-circo 'Up2Down'

[29/12/2015] A compañía TrasPediante, co espectáculo de danza-circo ‘Up2Down’, ofrecerá mañá 30 de decembro ás 18:00 horas a última representación de 2015 no Salón Teatro de Santiago de Compostela. O escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria rematará coa estrea desta montaxe dirixida a todos os públicos unha intensa carteleira anual que estivo conformada por 210 funcións escénicas, concertos e proxeccións audiovisuais.

Imaxe do espectáculo

Baixo a dirección de Arturo Cobas e con dramaturxia de Kirenia C. Martínez Acosta, as bailarinas Paula Quintas e Marta Alonso comparten a interpretación de múltiples disciplinas artísticas en ‘Up2Down’, desde a execución coreográfica ata números aéreos e de equilibrio.

A proposta parte do inicio dun ‘show’, no que aparecen dúas personaxes surrealistas e os seus obstáculos, contextualizan o momento no que os desexos e as aspiracións de cada unha se atopan e inician unha viaxe emocional ata chegar ao entendemento.

O espectáculo conta tamén con música orixinal de María Mendoza, deseño de iluminación de Javier Quintana e asistencia de dirección de Natalia Outeiro.

Escena, música e cine
Os eventos realizados no Salón Teatro combinaron teatro, danza, música e cinema. Ademais da presenza destacada das producións e coproducións do Centro Dramático Galego, o espazo compostelán exhibiu traballos doutras compañías galegas e non galegas e cedeu as súas dependencias a colectivos culturais universitarios e de base.

Así, nunha clasificación por xéneros, no conxunto de actividades leváronse a cabo 97 funcións escénicas, 95 proxeccións audiovisuais e 18 concertos musicais ao longo de dous períodos de programación: de xaneiro a xullo e de outubro a decembro.

As entradas para asistir á estrea de ‘Up2Down’ poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Despois desta última representación de 2015, o Salón Teatro retomará o 8 de xaneiro a súa actividade coa representación do espectáculo ‘Querido Tomás’, baseado na obra de Xosé Neira Vilas, a cargo da compañía My Art Project.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal