AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESTE VENRES 8 DE XANEIRO, ÁS 20.30 HORAS

A primeira adaptación teatral de 'Querido Tomás', de Xosé Neira Vilas, abre a carteleira de 2016 do Salón Teatro

[06/01/2016] O Salón Teatro de Santiago abre a súa carteleira de 2016 coa estrea este venres día 8 da montaxe ‘Querido Tomás’, primeira adaptación teatral da novela homónima de Xosé Neira Vilas. Con esta función, programada para as 20.30 horas, culmina o proxecto posto en marcha por Noelia Toledano xunto ao propio Neira Vilas e que agora se presenta ao público como homenaxe ao autor de Vila de Cruces, falecido o pasado 27 de novembro.

Querido Tomás

Noelia Toledano é a directora desta produción da asociación My Art Project, ademais de asinar a dramaturxia e de lle dar vida á personaxe de Sara desde unha dobre perspectiva: a do pasado e a da actualidade. Esta dualidade temporal reflíctese igualmente na música composta por Isaac Garabatos para esta montaxe, construída a partir da combinación do monólogo con diferentes pezas audiovisuais realizadas por Pepe Castro. Cóntase, así mesmo, coa colaboración dos actores Alejandro Carro e Xoque Carbajal, que a través destes audiovisuais se poñen na pel do Tomás do pasado e mais do presente.

Tamén forman parte do equipo de ‘Querido Tomás’ Miro Magariños como axudante de dirección, asesor lingüístico e técnico de luz e son; María Tizado, a cargo do atrezzo; e Carlos Montes, axudante de produción e técnico audiovisual.

Amor, tenrura e compromiso socia
Recuperando o espírito da obra escrita por Neira Vilas na Habana en 1980, o espectáculo achéganos a historia de Sara, unha mestra do rural galego que vive marcada por unha historia amorosa quebrada pola emigración. Amor, tenrura e compromiso social son algúns dos eixos temáticos desta peza escénica, ao que o propio autor contribuíu coas súas achegas durante o proceso de produción. As entradas para esta representación poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo venres desde as 18.30 horas.

Tras esta estrea, o escenario da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria recibirá o día 28 de xaneiro a compañía portuguesa A Escola da Noite. O grupo de Coimbra presentará en Galicia ‘A canoa’, a súa versión de ‘A piragua’, obra do galego Cándido Pazó estreada orixinalmente en 2007 polo Centro Dramático Galego. Pazó encargouse tamén da dirección da adaptación portuguesa do seu texto, que afonda na lacra da violencia doméstica a partir dunha situación aparentemente absurda como é o desconcerto dun home diante da piragua que un veciño garda no seu garaxe.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal