AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESTE SÁBADO 12, Ás 21.00 HORAS

O cantautor compostelán Xosé Constenla regresa ao Salón Teatro para presentar o seu disco 'Virada por avante'

[10/03/2016] Xosé Constenla actuará este sábado 12, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago para presentar en directo os temas de ‘Virada por avante’, o seu novo disco. O cantautor compostelán regresa así ao mesmo escenario que en 2013 acollera a gravación en directo de ‘Sinecismo’, o seu anterior traballo, que tamén presentou diante do público na sede do Centro Dramático Galego.

Virada por avante, de Xosé Constenla

No concerto deste sábado, Xosé Constenla acompañarase dunha banda de cinco músicos integrada por Fredi Marugán, quen é ademais o produtor e arranxista do novo álbum, ás guitarras; Javier Constenla, ao piano; Pablo Sanmamed, ao baixo; e Andrés Rivas, á batería.

Folk americano e canción de autor
Este quinto álbum do cantautor compostelán preséntase como o seu traballo máis maduro, persoal e sofisticado, no que se atopan claras influencias do folk-rock americano, desde James Taylor a Ray Lamontage, ao tempo que mantén o seu vínculo coa corrente iberoamericana de canción de autor como unha das dúas principais sinais de identidade.

Para a gravación de ‘Virada por avante’, editado por Setestrelo Editora, Constenla contou coa produción de Fredi Marugán e a masterización de Óscar Herrador, realizada nos Staterooms Studios de Madrid. Ambos profesionais contan cunha destacada traxectoria tanto dentro do panorama estatal como internacional, durante a que teñen traballado con artistas como Ismael Serrano, Miguel Ríos, Joan Manuel Serrat, Enrique Iglesias, Compay Segundo, Antonio Vega ou Pedro Guerra, entre outros.

‘A luz entre o desorde’ é o título do primeiro sinxelo do álbum e unha das súas composicións máis intimistas. O seu videoclip pode verse na canle de YouTube do artista, onde leva rexistradas xa máis de 3.100 visitas.

Venda de entradas
A venda anticipada de billetes para o concerto deste sábado en Compostela está xa dispoñible a través de entradas.abanca.com. As entradas tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro, que abrirá ao público o día da actuación desde as 19.00 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos para maiores de 65 anos, xubilados, persoas en situación de desemprego, estudantes, titulares do carné xove e determinados colectivos profesionais.

Ademais, os asistentes están convidados á festa posterior ao concerto que terá lugar no pub Albaroque de Santiago, previa confirmación a través do correo electrónico setestreloeditora@gmail.com.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal