AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A OBRA DO CDG QUE DIRIXE CÁNDIDO PAZÓ INICIA A XIRA GALEGA

O Salón Teatro acolle esta fin de semana as últimas funcións de "A Piragua"

[11/05/2007] Uns 2.100 espectadores asistiron até o momento ao espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) A Piragua, a obra dirixida por Cándido Pazó, que esta fin de semana ofrece as súas últimas funcións no Salón Teatro de Santiago. En total serán 23 funcións as que o CDG terá ofrecido en Compostela con esta montaxe, coa que a compañía pública culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada escénica 2006-2007. As entradas para asistir a estas representacións –hoxe venres e mañá sábado, ás 20.30 horas; e o domingo, ás 18.00- poden adquirise no despacho de billetes dende dúas horas antes do comezo da función.

Imaxe "A Piragua"

A Piragua iniciará a continuación unha xira que se prolongará até o mes de xullo e durante a que visitará outras doce localidades galegas: Ourense (Teatro Principal, 17 de maio), Vigo (Centro Cultural Caixanova, 19 de maio), Lalín (Salón Teatro, 24 de maio), Tui (Teatro Área Panorámica, 31 de maio e 1 de xuño), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 6 de xuño), Pontevedra (Pazo da Cultura, 8 de xuño), Ribadeo (Auditorio Municipal, 10 de xuño), Carballo (Pazo de Cultura, 14 de xuño), Cangas (Auditorio Municipal,16 de xuño), O Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, 22 de xuño), Narón (Auditorio Municipal, 29 e 30 de xuño) e A Coruña (Teatro Colón, 6 e 7 de xullo).

A obra, escrita e dirixida por Pazó como resultado da súa experiencia como primeiro dramaturgo residente CDG, parte dunha simple anécdota -que se crea porque un veciño garda unha piragua na súa praza de garaxe- para enfiar un discurso dramático que traslada ao espectador a liña argumental esencial que verdadeiramente sustenta a proposta escénica: a violencia doméstica.

Para esta escenificación, que supón o primeiro traballo de dirección de Pazó para o CDG desde 1995, o polifacético dramaturgo conta cun elenco encabezado pola parella protagonista, que compoñen Xosé Manuel Olveira "Pico" –no papel de Delio- e Susana Dans –no de Rosa-. Xunto a eles, Iolanda Muíños, Marcos Orsi, César Goldi, Ricardo de Barreiro e Marián Bañobre completan o equipo interpretativo das sete personaxes do espectáculo.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal