AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PRAZO DE SOLICITUDE REMATA O 7 DE XUÑO

O Centro Dramático Galego abre un proceso de selección para o elenco de 'Tartufo', a súa próxima produción propia

[26/05/2016] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca hoxe un proceso de selección de 10 actores e actrices para o espectáculo ‘Tartufo’, a próxima produción propia do Centro Dramático Galego (CDG). Os intérpretes interesados en optar a estes papeis teñen de prazo desde mañá e ata o martes 7 de xuño para presentar as súas solicitudes segundo as instrucións que se especifican nas bases.

Tartufo

O elenco desta versión galega da famosa comedia de Molière, que Carles Alfaro dirixirá para a unidade de produción teatral da Agadic, estará integrado por dous actores protagonistas que darán vida a Orgón e Tartufo e outros 8 principais. Os ensaios darán comezo en agosto cara á estrea do espectáculo o 23 de setembro no Salón Teatro de Santiago, sede do CDG.

Valoración das traxectorias profesionais e audicións
O proceso de selección constará de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá na análise dos currículos profesionais dos aspirantes, que poderán ser valorados cun máximo de 20 puntos. Nesta avaliación terase en conta o coñecemento e uso do galego dos candidatos, as súas capacidades interpretativas no estilo realista para espectáculos teatrais, a experiencia e formación profesional no ámbito da representación teatral, a achega de materiais audiovisuais cos seus traballos e a súa adecuación ao rango de idade do personaxe.

As persoas que acaden a puntuación mínima fixada polo tribunal de selección, accederán á segunda fase de audicións. Estas probas consistirán na interpretación dos parlamentos propostos pola comisión para cada un dos personaxes. Ademais, contémplase a posibilidade de convocar un mesmo actor ou actriz para máis dun papel, así como a repetición da proba en caso de que o tribunal o considere necesario para a axeitada configuración do elenco.

O tribunal cualificador
A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas polos aspirantes nestas dúas fases. Cos intérpretes non seleccionados comporase unha listaxe diferenciada por personaxe para eventuais substitucións.

Como director artístico da nova produción da compañía teatral pública, Carles Alfaro presidirá este tribunal de selección, do que tamén formarán parte como vogais a directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, e un asesor independente, así como un membro do cadro de persoal da Agadic, quen actuará como secretario/a con voz pero sen voto.

As diferentes fases deste proceso faranse públicas tanto a través das webs da Agadic e do CDG como dos taboleiros de anuncios situados nas súas sedes.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal