[15/05/2007] O Salón Teatro de Santiago abre na segunda quincena de maio un novo ciclo de programación que se inicia coa inauguración da extensión en Compostela do Festival Sinsal, un encontro de referencia para a música contemporánea en Galiza, que até agora se celebraba unicamente na cidade de Vigo. O escenario que xestiona o Centro Dramático Galego, continúa así co seu labor de difusión das expresións escénicas máis actuais, mediante o deseño dun novo plan de actividades no que tamén destaca a estrea dos tres espectáculos coproducidos polas unidades do IGAEM (Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais) para a actual temporada.
Coa actuación o xoves 17 de maio do colectivo procedente de Hungría e Novo México A Hawk and a Hacksaw & The Hun Hangár Emsemble principiará a extensión no Salón Teatro do Sinsal, un certame que se desenvolve ao longo de todo o ano cunha estrutura estacional, xa que desde que mudou o seu formato na súa terceira edición pasou a denominarse "Música para Catro Estacións" e ofrece catro concertos, un por cada estación. Así, a Estación Primavera, ofrecerá en Santiago outros dous concertos de grupos tan interesantes como influintes dentro do panorama das músicas contemporáneas a nivel internacional: a noruega Hanne Hukkelberg (7 de xuño) e os británicos Tunng (21 de xuño).
ESTREA DE COPRODUCIÓNS
O Salón Teatro acollerá ademais en vindeiras datas todas as estreas dos espectáculos producidos polo Centro Coreográfico Galego (CCG) e o CDG, unidades de produción artística do IGAEM. Neste plan enmárcanse as pezas Arte a escena , de Experimentadanza (19 e 20 de maio), e 30.000 , de Pisando Ovos (2 e 3 de xuño), que son os títulos das montaxes e as compañías que abren o sistema de coproducións do CCG, en tanto que Kamikaze , a cargo do colectivo de novo circo Pistacatro (do 14 ao 17 de xuño), é a proposta participada polo CDG.
En Arte a escena , Experimenta Danza ofrece unha peza coreográfica creada e interpretada por Carlota Pérez, Danae de la Vega e José Luis López Sacha, orientada a un público familiar, ao que se propón un espazo en branco onde xogan as formas e as cores. Para 30.000 , Pisando Ovos, compañía que integran Rut Balbís e David Loira, profundizou na súa poética para obter como resultado unha peza baseada nas novas tendencias e na tecnoloxía, onde a música, a iluminación e o audiovisual teñen unha forte presenza como soporte do movemento corporal.
No que atinxe á coprodución do CDG, Kamikaze é un espectáculo cómico dirixido a todos os públicos, no que están presentes novo circo, teatro, ilusionismo e música en directo. Trátase dunha creación colectiva con dirección de Hernán Gené (premio Max 2005 ao mellor espectáculo de teatro por «Sobre Horacios y Curiacios», na que participan como membros do elenco Antón Coucheiro, Natalia Outeiro, Manuel Lago, Pablo Reboleiro, Xabier Mera, Borja Fernández e Alfonso Medina.
MÁIS TEATRO E DANZA
A actividade do Salón Teatro completarase con varias funcións teatrais, xa que o espazo do número 34 da Rúa Nova acollerá a VIII Mostra de Teatro Universitario Universidade de Compostela, que reunirá durante seis días, do 21 ao 26 de maio, a outros tantos espectáculos das compañías que traballan nos diferentes campus galegos.
A oferta escénica prevista inclúe así mesmo dúas funcións da última produción de Matarile Teatro Truenos y Misterios (9 e 10 de xuño), creada e dirixida por Ana Vallés, o que suporá a súa estrea en Galiza despois da súa exitosa presentación en Madrid.
As propostas de danza tamén terán continuidade cunha participación no festival "En pé de pedra" (23 e 24 de xuño) e a serie de Performance , que se desenvolverá do 27 de xuño ao 1 de xullo.