AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REPRESENTARASE NO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO ATA O 16 DE OUTUBRO

O CDG abre nova temporada este venres coa estrea do 'Tartufo' de Molière dirixido por Carles Alfaro

[21/09/2016] ‘Tartufo’ abre este venres 23, ás 21.00 horas, no Salón Teatro de Santiago a temporada 2016-2017 do Centro Dramático Galego (CDG), que elixiu esta coñecida obra de Molière sobre os perigos da impostura e do artificio como primeira produción propia da nova etapa da compañía pública con Fefa Noia á fronte. Carles Alfaro dirixe a posta en escena desta versión, que poderá verse en Compostela ata o 16 de outubro para iniciar a continuación unha xira por outros nove escenarios galegos.

Imaxe da presentación de Tartufo

O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañaron hoxe a Fefa Noia, Carles Alfaro e a boa parte do equipo artístico de ‘Tartufo’ na presentación aos medios desta montaxe. Con ela, o CDG amplía a seis o número de funcións semanais que ofrecerá na súa sede, que acollerá dous pases matinais concertados con centros escolares os martes e mércores e catro funcións xerais de xoves a domingo (ás 20.30 horas de xoves a sábado, e ás 18.00 horas os domingos).

Na súa intervención, Anxo Lorenzo trasladoulle os parabéns ao equipo artístico e técnico implicado nesta nova produción a través da que, segundo explicou, o CDG busca reforzar o seu papel como teatro público en ámbitos como o diálogo co resto do sector escénico galego, a creación de novos públicos ou o impulso da canteira interpretativa.

Diálogo interxeracional sobre as táboas
Neste último aspecto incidiu, así mesmo, Fefa Noia, quen subliñou o diálogo artístico interxeracional que se establece no elenco de ‘Tartufo’, do que forman parte 10 actores e actrices elixidos entre os máis de 230 candidatos que participaron no proceso público de selección: xunto a Alejandro Saá no papel de Tartufo, Casilda Alfaro, César Cambeiro, Antela Cid, Xoán Fórneas, Mónica García, Marta Lado, Roberto Leal, Rebeca Montero e Patricia Torres. "Eles dan mostra da boa saúde da interpretación en Galicia, con nomes xa indiscutibles na historia recente da nosa escena xunto a novos valores que teñen moito que dicir", asegurou.

Tanto o traballo actoral como o do resto do equipo artístico foi gabado tamén por Carles Alfaro, para quen esta é a súa primeira experiencia escénica en Galicia tras unha ampla traxectoria como director da súa compañía, Moma Teatre, e de numerosos espectáculos para outros centros públicos de produción como Teatro de La Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Zarzuela, Teatro Español en Madrid, Teatro Nacional de Catalunya ou Teatre Lliure.

Para o seu traballo no CDG, o director valenciano contou, ademais, con Baltasar Patiño (deseño de escenografía), Diego Valeiras (vestiario), Anxo Graña (música orixinal), Trini F. Silva (caracterización), Loli Ramos (tradución), Roi V. Ponte (asesoramento lingüístico) e Vanesa Sotelo (asistencia de dirección).

Reto dramático
Alfaro, quen fixo fincapé na riqueza fonética e na musicalidade do idioma galego, explicou que ‘Tartufo’ presenta o reto dos grandes textos e autores dramáticos: "A dificultade estriba en que non son doados de esquematizar e simplificar, xa que estas obras non entenden de xéneros, senón que afondan na condición humana a través das diferentes escenas e situacións que se lles presentan aos personaxes", abondou.

Neste caso, a elección desta obra do gran clásico do teatro francés tivo moito que ver co feito de que o propio Molière fora actor e, como tal, primara o traballo interpretativo para reflexionar sobre "os perigos da impostura e do artificio; sobre as persoas cunha capacidade extraordinaria para detectar as debilidades e vulnerabilidades dos demais e empregalas no seu beneficio, pero tamén sobre aquelas que se deixan manipular".

Comedia lúdica e lúcida
O obxectivo desta versión é conseguir, pois, unha proposta lúcida e lúdica que, desde a comedia, reflicta os claros e escuros da obra orixinal, da ollada "tenra, crítica e burlesca, tamén cara a si mesmo, de Molière", asegurou o seu director.

Este foi, de feito, un dos textos máis controvertidos de Moliére e un dos que maiores problemas lle causou pola súa crítica implícita do xogo de poderes, os falsos devotos e a sociedade das aparencias. Na versión do Centro Dramático Galego, a ambientación cambia a Francia cortesá do Rei Sol pola sociedade dos "felices anos vinte" do século pasado.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para as funcións da nova produción do CDG en Santiago está xa operativa a través do web entradas.abanca.com. Tamén poderán adquirirse na billeteira do Salón Teatro os días de representación desde dúas horas antes do comezo do espectáculo.

A partir de mediados de outubro e ata finais de ano, o ‘Tartufo’ do CDG viaxará a outras nove localidades galegas co seguinte calendario de representacións: 21 de outubro no Teatro Municipal de Tui, 29 e 30 de outubro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, 4 de novembro no Teatro Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, 18 de novembro no Auditorio Municipal de Rianxo, 25 de novembro no Auditorio Afundación de Pontevedra, 1 de decembro no Teatro Afundación de Vigo, 3 e 4 de decembro no Teatro Principal de Ourense, 17 de decembro no Auditorio Municipal de Cangas e 30 de decembro no Teatro Jofre de Ferrol.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal