AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

HOXE PRESENTOUSE A NOVA PROGRAMACIÓN DO TEATRO MUNICIPAL

A carteleira de outono de Tui acolle o inicio da xira de 'Tartufo'

[04/10/2016] O Concello de Tui presentou hoxe a súa carteleira teatral deste outono, para a que conta co Centro Dramático Galego (CDG), que iniciará no Teatro Municipal tudense a xira do espectáculo ‘Tartufo’, e con sete actuacións inseridas na Rede Galega de Teatros e Auditorios.

Presentación da axenda Corredoira Cultural de Tui

Tui é un dos 38 municipios que forma parte deste circuíto profesional de exhibición de espectáculos, que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria xestiona a través da Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic) co obxectivo de manter unha canle estable de encontro entre o público e as últimas producións escénicas galegas, ademais de contribuír á descentralización da oferta cultural en Galicia.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, e a responsable do CDG, Fefa Noia, participaron hoxe nesta rolda de prensa xunto con Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui; María José González, concelleira de Educación e Cultura; e Santiago Cortegoso, director de Ibuprofeno Teatro, unha das compañías que forman parte desta programación co espectáculo ‘Raclette, co que este verán obtivo o Premio Especial do Público da Feria de Teatro de Castilla y León, en Ciudad Rodrigo.

Compromiso cultural
Na súa intervención, Sutil gabou o "compromiso cultural" do concello de Tui, que se reflicte en cada novo período de programación recollido nos sucesivos números da súa axenda ‘Corredoira Cultural’. Destacou, ademais, o seu papel como un dos socios máis activos do circuíto de teatros e auditorios da Agadic en colaboración con 38 concellos, ademais de como destino habitual das producións do Centro Dramático Galego.

De feito, a compañía pública iniciará aquí a xira do seu espectáculo ‘Tartufo’, versión do clásico de Molière sobre os perigos das falsas aparencias, que chega aos escenarios galegos baixo a dirección de Carles Alfaro. A súa presentación no Teatro Municipal de Tui terá lugar o venres 21 de outubro, ás 21.30 h, unha vez rematado o período de exhibición que o CDG está a desenvolver nestes momentos na súa sede do Salón Teatro de Santiago.

Oferta cen por cento galega
A colaboración da Consellería de Cultura e Educación esténdese, así mesmo, a outras sete do total de 10 citas culturais desta axenda trimestral, cen por cento galega. Materialízase a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto dentro do que Tui programa o concerto da banda tudense Best Boy (11 de novembro) e os espectáculos ‘Eroski Paraíso’ (7 de outubro), de Chévere; ‘Invención’ (14 de outubro), de Odaiko; ‘Güela, güela’ (22 de outubro), de Galitoon; ‘Danza da choiva’ (4 de novembro), de Elefante Elegante; ‘Raclette’ (5 de novembro), de Ibuprofeno Teatro; e ‘O poder de Amabel’ (18 de novembro), de Pérez&Fernández.

A carteleira complétase con outras dúas propostas galegas: a proxección da película ‘Holy Night! Noite de paz?’ (22 de decembro), dirixida por Juan Galiñanes; e o concerto de Nadal da Orquestra Sinfónica de Tui o 23 de decembro.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal