AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO, DE ENTRADA LIBRE, TERÄ LUGAR MAÑÁ ÁS 20.30 H EN FORMATO CONCERTO-CONVERSA

Samuel Diz, Ian Gibson e Carolina Alba conmemoran no Salón Teatro o centenario da primeira visita de Lorca a Galicia

[26/10/2016] O Salón Teatro de Santiago será mañá, ás 20.30 horas, o escenario dun espectáculo especial no que música e pensamento se unirán para conmemorar o centenario da primeira visita de Federico García Lorca a Galicia. Con tal motivo, o guitarrista Samuel Diz presentará en directo o seu traballo discográfico ‘Impresiones y paisajes, como el primer libro de Lorca’, en diálogo co hispanista Ian Gibson, un dos maiores coñecedores da vida e obra do autor granadino.

Conmemoración centenario visita Lorca a Galicia

Acompañaraos no escenario a locutora de Radio 3 Carolina Alba, xornalista compostelá radicada en Madrid, quen declamará unha escolma de textos xornalísticos e de fragmentos da obra lorquiana. A entrada será libre ata completar a capacidade do teatro.

A relación do poeta coa música
A proposta, producida por Poliédrica co apoio da Xunta a través da Secretaría Xeral de Cultura, busca afondar na vinculación do poeta con Galicia, introducindo o público na personalidade creativa de Federico García Lorca nun plano moito menos coñecido: a súa relación coa música e e co universo musical da Xeración do 27.

O xermolo deste espectáculo conmemorativo atópase nas impresións que o autor anotou no seu caderno durante o seu periplo formativo por Galicia -nunha viaxe organizada polo seu profesor Martín Domínguez Berrueta para que os seus alumnos coñecesen o patrimonio do norte de España- e que despois se publicaron no que foi o primeiro libro do poeta, ‘Impresiones y paisajes’. Este título dálle nome ao disco no que Samuel Diz recupera a música dalgúns dos principais protagonistas da Xeración do 27.

Esa viaxe de estudos en 1916 foi para Lorca unha descuberta inicial da paisaxe de Galicia e da obra de Rosalía de Castro, á que despois seguiría a construción dunha fonda amizade con escritores e intelectuais galegos como Blanco Amor, Dieste ou Guerra da Cal, e músicos como Bal y Gay. Esta vinculación afectiva trasladaríase tamén ao plano creativo, coa incursión do escritor na nosa lingua a través dos ‘Seis poemas galegos’.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal