AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PRAZO DE PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES MANTERASE ABERTO ATA O 2 DE XANEIRO

Ábrese o proceso de selección dos dez actores e actrices de 'Martes de Carnaval'

[20/12/2016] A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) acaba de poñer en marcha o proceso de selección do elenco de ‘Martes de Carnaval’, a próxima produción propia do Centro Dramático Galego que levará ás táboas, por primeira vez en lingua galega, as obras de Ramón María del Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’. Os actores e actrices interesados en optar ás 10 prazas convocadas teñen de prazo desde hoxe e ata o vindeiro 2 de xaneiro para presentar as súas solicitudes seguindo as indicacións das bases publicadas nas webs da Agadic e do CDG.

Valle-Inclán

Os intérpretes seleccionados (catro coa categoría de protagonistas e seis, de principais) actuarán nas dúas montaxes do espectáculo, poñéndose ás ordes dos directores galegos Tito Asorey, para ‘As galas do defunto’, e de Marta Pazos, para ‘A filla do capitán’. Os ensaios darán comezo o 6 de febreiro cara á súa estrea na sede do CDG no Salón Teatro de Santiago de Compostela o 31 de marzo.

O proceso de selección consta de dúas fases. A primeira delas será eliminatoria e consistirá na valoración dos currículos profesionais dos aspirantes, na que poderán obter ata 20 puntos como máximo. Nesta avaliación teranse en conta, entre outros méritos, o coñecemento e uso do galego, as capacidades e experiencia interpretativa no ámbito teatral, a achega de materiais audiovisuais cos traballos anteriores e a adecuación ao rango de idade do personaxe.

Audicións
As persoas que acaden a puntuación mínima fixada polo tribunal de selección, accederán á segunda fase de audicións. Neste caso, as probas dividiranse en dúas partes: unha primeira de dinámica grupal e unha segunda de interpretación. As escenas elixidas para esta valoración serán publicadas na web da Agadic para a súa preparación por parte dos actores e actrices que accedan a esta fase.

A cualificación final virá determinada pola suma das puntuacións acadadas polos aspirantes nestas dúas fases. Cos intérpretes non seleccionados comporase unha listaxe diferenciada por personaxes para eventuais substitucións.

As diferentes fases deste proceso faranse públicas tanto a través da web da Agadic, así como no taboleiro de anuncios da compañía pública.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal