AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DESPÍDESE A CARTELEIRA DE 2016

Continúa no Salón Teatro o ciclo infantil de Nadal con Pérez & Fernández e 'O poder de Amabel'

[28/12/2016] O dúo Pérez & Fernández representa mañá xoves 29 e o venres 30 no Salón Teatro de Santiago ‘O poder de Amabel’, un espectáculo especialmente dirixido a nenos e nenas a partir de 4 anos, co que o escenario do Centro Dramático Galego (CDG) despedirá 2017 continuando co seu ciclo de Nadal ‘Gran teatro para os máis pequenos’.

Bonecos de 'O poder de Amabel'

As dúas funcións, que terán lugar ás 19.00 h, compleméntanse cun taller sobre construción de monicreques impartido por Elea López, para o que se ofrecen 30 prazas cada día, adxudicadas por orde de reserva no teléfono 881 867 229. O acceso aos talleres está incluído no bono especial de Nadal, que abrangue tamén catro entradas para calquera dos espectáculos do ciclo por un prezo total de 24 euros. Ademais, existe a posibilidade de adquirir tres localidades para un mesmo espectáculo por 18 euros, así como billetes individuais a 8 euros. Fóra dos bonos, a tarifa dos obradoiros é de 5 euros. A venda anticipada está dispoñible na web entradas.abanca.com.

Actores e bonecos ‘amigurumis’
Xosé Leis e Victoria Pérez dirixen ‘O poder de Amabel’, montaxe baseada na novela infantil de Érica Esmorís, e que interpretan sobre as táboas a propia Victoria Pérez xunto con Manu Fernández. Trátase dunha peza que combina interpretación actoral e monicreques ‘amigurumis’, unha tendencia xaponesa que consiste en tecer bonecos mediante a técnica de ‘crochet’ ou gancho.

Todos os membros da familia de Amabel teñen superpoderes: unha forza descomunal, a velocidade do raio, unha intelixencia abraiante e incluso a capacidade de facerse invisible. Pero Amabel aínda non sabe cal é a súa actividade extraordinaria. Para descubrila, embarcarase co seu amigo Braulio en aventuras moi peculiares. Amabel e Braulio, dous amigos que non se ven dende a escola, reencóntranse anos máis tarde en Tokio. Alí recordarán un especial outono que viviron xuntos no 82, un dos seus primeiros recordos de nenos, eses aos que debemos voltar para sentirnos na nosa verdadeira patria: a infancia.

‘Gran teatro para os máis pequenos’ comezou a pasada semana con Berrobambán e a súa obra ‘Xurdefet’; e continuará os vindeiros 7 de xaneiro (ás 19.00 h) e 8 (ás 18.00 h) coa compañía Elefante Elegante e a súa última produción, ‘A danza da choiva’, unha proposta que de teatro xestual, danza e manipulación de obxectos. O taller que acompañará cada pase deste espectáculo estará centrado no son do teatro.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal