AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

Do XOVES 2 AO DOMINGO 5 DE MARZO

A viaxe ao universo feminimo de Aporía Escénica con '30 e tantos ósos' recala no Salón Teatro

[28/02/2017] Aporía Escénica preséntase a partir deste xoves día 2 no Salón Teatro de Santiago de Compostela, sede do Centro Dramático Galego (CDG), con ’30 e tantos ósos’, montaxe galardoada o ano pasado co premio María Casares de Teatro ao mellor texto orixinal. Trátase, ademais, do espectáculo de debut desta compañía emerxente, que busca explorar o universo feminino e atopar unha linguaxe escénica propia e híbrida a partir da potencia plástica dos corpos e os obxectos, do xogo e o humor e da palabra e a poesía.

30 e tantos ósos

Neste sentido, a proposta que poderá verse no Salón Teatro ata o domingo día 5 -de xoves a sábado, ás 20.30 h, e o domingo, ás 18.00 h- supón toda unha declaración de intencións por parte de Aporía, que comparte co público a viaxe de catro amigas na súa trintena. Cansas de vivir agochadas baixo carcasas prefabricadas, as protagonistas desta historia botan man da mítica figura da Loba na procura do seu lado máis vital e salvaxe.

Diana Mera dirixe esta creación colectiva, ademais de ser unha das súas catro intérpretes xunto con Teté García, Merche Pérez e María Roja. A escenografía e a iluminación están asinadas por Diego Valeiras, mentres que o vestiario é obra da propia compañía.

Da comedia ao drama e viceversa
O espectáculo, estruturado en cinco cadros, afonda na problemática das mulleres en relación coas etiquetas que se lles impoñen socialmente desde nenas, ao tempo que propón un camiño para rompelas e tratar de liberarse delas. Actrices e espectadores expóñense ao seu reflexo no espello para recoñecer os seus medos e complexos a través dunha oscilación continua entre a comedia e o drama.

As entradas para as catro funcións de ’30 e tantos ósos’ no Salón Teatro están xa á venda na web entradas.abanca.com. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do teatro desde dúas horas antes do comezo das representacións.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal