AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ROBERTO LEAL E XOSÉ LUÍS BERNAL "FARRUCO" INTERPRETAN ESTE "ESPECTÁCULO DE PETO" DE TEATRO EN PUNTO, QUE PODE VERSE EN SANTIAGO DO VENRES 28 AO DOMINGO 30 CUNHA CAPACIDADE LIMITADA A 12 PERSOAS

Os camerinos do Salón Teatro ábrense ao público coa peza 'Unha rosa entre as pernas'

[26/04/2017] Unha rosa entre as pernas é o título da peza que Teatro en Punto representará do venres 28 ao domingo 30 nos camerinos do Salón Teatro de Santiago, que se abren ao público para acoller esta montaxe que a propia compañía define como "teatro de peto". A proposta interpretada por Roberto Leal e Xosé Luís Bernal "Farruco" dará paso á nova carteleira trimestral da sede do Centro Dramático Galego (CDG), na que figuran unha ducia de títulos e programas escénicos e cinematográficos.

Roberto Leal e Xosé Luís Bernal 'Farruco'

Un máximo de 12 persoas poderán gozar de cada pase de Unha rosa entre as pernas , montaxe dirixida por Gloria Rico a partir dun texto de Afonso Becerra de Becerreá e programada para as 19,30 h. cunha duración de 15 minutos. Con ela, arranca ademais Teatro ob-sceno (fóra de escena), un novo ciclo organizado polo CDG para darlle cabida a diferentes propostas que precisan dun espazo alternativo para a súa representación.

Nesta ocasión, o baño dos camerinos do Salón Teatro será o escenario dunha historia ideada como un xogo arredor dunha aparente situación cotiá e do encontro fugaz entre dous personaxes. A compañía proponlle ao público participar desta brincadeira para intentar descubrir quen son estas persoas e se elas mesmas saben quen son ou se están a xogar ao despiste.

As entradas, a un prezo especial de 3 euros, estarán á venda no despacho de billetes do teatro os días de función desde as 18,45 h. Tras os pases de Unha rosa entre as pernas , darán comezo ás 21,00 h. as primeiras representacións da 18ª Mostra de Teatro Universitario de Galicia, organizada pola Aula de Teatro da Universidade de Santiago en diferentes espazos de Compostela.

Residencias artísticas
As propostas universitarias ocuparán o Salón Teatro ata o 4 de maio, como parte da súa nova carteleira maio-xullo. Nela terán cabida as derradeiras funcións de Symon Pédícrí (do 5 ao 7 de maio), espectáculo de Diego Anido que viu a luz hai tres anos neste mesmo escenario. Nese caso, a estrea tivera lugar tras unha estadía artística de Diego Anido no Centro Dramático Galego, que neste trimestre recibirá tamén en residencia a compañía Elefante Elegante e a Borja Fernández antes de representar Tropical (do 10 ao 14 de maio) e Salvador (do 8 ao 10 de xuño), respectivamente.

Haberá lugar, así mesmo, para a celebración do Día das Letras Galegas, do 16 ao 18 de maio, con Os mortos daquel verán, unha aproximación escénica á novela homónima de Carlos Casares, coproducida polo Centro Dramático Galego e Talía Teatro en homenaxe ao autor ao que este ano se lle dedica o 17 de maio.

A programación de maio concluirá co espectáculo BU21, de Avento Producións Teatrais, que poderá verse en Santiago do 24 ao 28 de maio, e co inicio da programación correspondente á 12ª Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, promovida polo Museo do Pobo Galego.

Actividades de xuño
Xa en xuño e tras as representacións de Salvador, o Salón Teatro volverá ser un dos espazos de Galicia Escena PRO (do 12 ao 15), o mercado galego das artes escénicas que organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ademais de acoller o día 17 a representación de Arthur, Arturo, Artur, o novo espectáculo do Grupo de Teatro de Down Compostela, e o día 18, a proposta Espazo miúdo, da Escola de Teatro e Danza Espazo Aberto.

A carteleira trimestral pecharase coa segunda quenda de representacións en Compostela do novo espectáculo do CDG, Martes de Carnaval, que regresará ao Salón Teatro do 28 de xuño ao 16 de xullo tras a estrea da pasada semana e despois dunha xira que o levará a diferentes escenarios galegos e mais ao Festival Tercera Setmana de Valencia.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal