AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

DIRIXIDO POR GONÇALO GUERREIRO E MARÍA TORRES, REPRESÉNTASE DENDE HOXE E ATA O DOMINGO 14 EN FUNCIÓNS ESCOLARES E PARA PÚBLICO EN XERAL

O espectáculo 'Tropical', da compañía Elefante Elegante, ocupa esta semana o Salón Teatro

[10/05/2017] A programación do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago continúa durante esta semana coa compañía Elefante Elegante, que representa o seu espectáculo Tropical dende hoxe e ata o domingo 14. As funcións destes dous primeiros días comezan ás 11,00 h. e están destinadas a escolares, mentres que as dirixidas a público xeral serán o venres 12 e o sábado 13 (20,30 h.) e o domingo 14 (18,00 h.).

Escena de 'Tropical'

Esta proposta escénica, que formou parte do programa de residencias do CDG e foi adxudicataria dunha subvención á produción escénica por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), preséntase como un espectáculo sensitivo, universal e evocador, que mergulla o espectador no universo da viaxe e na súa vasta riqueza de matices e dimensións.

Tropical xira arredor dunha singradura marítima, onde se cruzan dúas realidades moi distintas, as dúas na procura da felicidade. A obra discorre nun cruceiro cheo de turistas entretidos por un grupo de variedades, que parte dende o Norte en dirección a Tunisia para o descanso dos viaxeiros. No seu traxecto, crúzase unha balsa repleta de refuxiados, que tenta chegar dende o Sur á costa italiana. A ironía está servida, xa que ambos os grupos atópanse na busca da felicidade e no mesmo lugar de partida.

María Torres e Gonçalo Guerreiro asumen a dirección dunha peza na que eles mesmos actúan. Contan, ademais, cun elenco de actores e actrices que completan Marta Alonso Tejada, Ánxela Blanco e Fredi Muíño. Para esta creación, Elefante Elegante contou co asesoramento temático do doutor en antropoloxía Carlos Diz. O vestiario é da premiada deseñadora coruñesa Beatriz Clara.

Imaxes, música e danza
A obra está dividida en tres actos, prólogo e epílogo, e emprega na súa execución unha linguaxe asentada nas imaxes, no movemento, na música e na danza, o que lle serve ao espectador para reflexionar sobre as diferenzas que hai entre o Norte e o Sur xeográficos.

As entradas para as representacións do 12 e o 13 de maio teñen un prezo de 10 euros, cos descontos habituais do 40% para determinados colectivos sociais e profesionais. O domingo 14, ao ser Día do Espectador, a entrada única custa 5 euros. A venda anticipada está xa operativa no web abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións.

Máis teatro no Salón
Despois de Tropical, a carteleira deste mes presenta Os mortos daquel verán, unha coprodución de Talía Teatro co Centro Dramático Galego sobre a novela de Carlos Casares, o autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. De feito, esta montaxe será a proposta que acollerá o Salón Teatro o 17 de maio, e da que se levarán a cabo outras dúas funcións o martes 16 e o xoves 18.

A axenda de maio pecharase con outra proposta escénica, neste caso BU21, a cargo de Avento Producións Teatrais, que se representará entre os días 24 e 28.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal