AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas


O CDG organiza dous cursos de interpretación con David Luque e Daniel Abreu

[28/05/2017] O Centro Dramático Galego (CDG) mantén aberto ata o 11 de xuño o prazo de inscrición para os dous cursos de verán que ofrecerá durante o mes de xullo na súa sede do Salón Teatro de Santiago. O traballo corporal centrará ambos os encontros, que serán impartidos por David Luque e Daniel Abreu do 17 ao 21 e do 24 ao 28 de xullo, respectivamente.

Na imaxe á esquerda David Luque e á dereita Daniel Abreu

A compañía pública oferta 25 prazas para cada un deles, dirixidas a actrices e actores profesionais ou con formación actoral previa, ademais de abrir a posibilidade de asistir como ouvintes a estudantes e profesionais de todos os ámbitos das artes escénicas. O prezo de cada curso é de 90 euros para a matrícula xeral, 60 euros para os participantes membros da Asociación de Actores e Actrices de Galicia, estudantes ou profesionais en situación de desemprego, e de 45 euros para os ouvintes. As solicitudes deben remitirse seguindo as instrucións que se especifican no web do CDG.

Movemento e emocións
A emoción do corpo. Técnica Michael Chejov é o título do primeiro curso, durante o que se abordará o método impulsado por este mestre ruso-estadounidense. Nas cinco sesións a cargo do actor David Luque, afondarase nas reaccións corporais ás diferentes emocións para poñelas ao servizo da interpretación. Deste xeito, certos movementos estimulados polo maxín transfórmanse mediante esta técnica nunha valiosa ferramenta artística para abrir con sinxeleza a porta das emocións cara á súa interpretación en escena ou diante das cámaras.

Cunha ampla formación en diferentes artes escénicas, David Luque formou parte do elenco estable do Teatro de la Abadía de Madrid, no que participou en numerosas montaxes da man de José Luis Gómez, Hansgünter Heyme, Dan Jemmett ou Hernán Gené. Entre os seus últimos traballos destacan El Público, baixo a dirección de Àlex Rigola, Oficina para las vidas post-idénticas (Matthias Rebstock), Platonov (Gerardo Vera), La colmena científica (Ernesto Caballero) ou Las dos bandoleras (Carme Portacelli).

En cine, púxose ás ordes de Carlos Saura, Milos Forman, Roberto Santiago ou Ángeles González Sinde, mentres que en televisión participou en series como El Ministerio del tiempo, Bandolera e El síndrome de Ulises, entre outras, ademais de protagonizar máis recentemente o filme Teresa.

Como tradutor ten publicados para Alba Editorial La preparación del director. Siete ensayos sobre teatro y arte, de Anne Bogart, e Lecciones para el actor profesional, do propio Michael Chejov.

Pola súa banda, o bailarín e coreógrafo Daniel Abreu será o encargado de impartir a partir do 24 de xullo o taller A través do aire. Adestramento físico, a través do que se buscará que os participantes adquiran un maior coñecemento do seu corpo, os seus límites e as súas posibilidades. Mediante secuencias coreográficas, pautas de improvisación, xogos, dinámicas de grupo e anotacións, o alumnado irá descubrindo como moverse de forma máis libre.

Premio Nacional de Danza en 2014 na categoría de Creación, Daniel Abreu dirixe a súa propia compañía, con sede en Madrid, coa que presentou arredor de 40 traballos en festivais estatais e internacionais, ademais de colaborar con outros creadores e compañías. En canto á súa traxectoria como docente, ten impartido numerosos cursos en Europa, Asia e América, enfocando o traballo corporal non só desde a técnica, senón tamén desde a expresividade e o psicolóxico.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal