AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O MUSEO DO POBO GALEGO ORGANIZA ESTE ENCONTRO, NO QUE COLABORA O CDG PARA A DIFUSIÓN DE TÍTULOS GALEGOS E DE FÓRA DE GALICIA DESDE A SÚA SEDE EN SANTIAGO

O Salón Teatro proxecta 13 filmes da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

[29/05/2017] Por segundo ano consecutivo, o Salón Teatro de Santiago será un dos espazos que acolla a carteleira de filmes da duodécima Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada polo Museo do Pobo Galego. A partir de mañá e ata o día 3 de xuño, a sede do Centro Dramático Galego (CDG) transformarase nunha sala de cinema, na que se poderán ver 13 películas galegas e de fóra de Galicia.

Cartaz do XII MICE

En concreto, os títulos programados son L’eau Sacrée e El hombre que embotelló el sol, mañá martes 30; Remember your name, Babylon, O moredo. A resistencia do Entroido ribeirao e a selección de curtas da sesión 1977-2017, catro décadas de cinema etnográfico (organizada polo Cineclube Compostela sobre os corenta anos do Museo do Pobo), que inclúe Fiadeiras de Zobra, Ven a Bens, Mougás, Ser e Voltar e Trazos, o mércores 31; Los leones, Alalá e En tránsito, o xoves 1; Los sentidos, Divino rostro e Entrar aos vilares , o venres 2; e Hotel Splendid e La tempestad calmada, o sábado 3.

A programación da actual edición da Mostra, que tamén se estende ao Teatro Principal e ao propio Museo do Pobo Galego, está conformada por 16 filmes que concursan aos premios á mellor película e do público, ademais de por outros títulos fóra de competición. Introduce, así mesmo, outras actividades que abordan a historia, a etnografía e a antropoloxía cultural, como o apartado dedicado ao Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe Espiello, ou o titulado Ollares intencionados. Mirada e representación no cinema etnográfico, organizado por Xosé Carlos Sierra. Haberá tamén unha marcada representación feminina, coa sección Etnografía, Muller e Cinema, que poñen en marcha Beli Martínez e Xisela Franco.

As entradas para a oferta da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico son de balde para todas as proxeccións e espazos, previa retirada das localidades nos despachos de billetes do Salón Teatro e do Teatro Principal.

Despois da XII MICE, a programación do Salón Teatro continuará do 8 ao 10 de xuño coa montaxe ‘Salvador’, de Borja Fernández, un proxecto escénico sobre os movementos migratorios que contou co apoio da compañía teatral Chévere e do CDG a través do seu programa de residencias.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal