[06/06/2007] O Salón Teatro acolle mañá xoves 7 de xuño ás 22.00 horas un concerto a cargo de Hanne Hukkelberg, vocalista e multiinstrumentista norueguesa que presentará en Santiago o seu último disco Rykestrasse 68. A cantante, que combina o eclecticismo sonoro co pop-cabaré e a electrónica, protagoniza o segundo recital da extensión para Santiago do Festival Sinsal, un dos certames musicais máis arriscados e innovadores, que até agora se celebraba unicamente na cidade de Vigo.
Coa incorporación de parte da programación do Sinsal ao Salón Teatro, o Centro Dramático Galego persegue a consolidación definitiva da apertura do seu espazo habitual de exhibición a todo tipo de manifestacións escénicas e musicais actuais, desde unha perspectiva multidisplinar e integrada. Dáse cabida neste caso á difusión dalgunhas das propostas máis exclusivas e interesantes do panorama musical europeo de hoxe en día.
Ademais de Hanne Hukkelberg, completan o ciclo o concerto celebrado o pasado 17 de maio polo colectivo procedente de Hungría e Novo México A Hawk and a Hacksaw & The Hun Hangár Emsemble, así como o que terá lugar o próximo 21 de xuño polos británicos Tunng.
NA BUSCA DE SONS E IMPRESIÓNS
Hukkelberg, cantante e multiinstrumentista precoz, aos tres anos xa cantaba e tocaba a batería mentres o seu pai a acompañaba ao piano. Aínda que medrou escoitando música clásica, axiña comezou a experimentar como vocalista de rock, metal e free-jazz. Agora, con 27 anos, segue mantendo ese eclecticismo sonoro ao que incorpora doses de pop-cabaré e electrónica, potenciando o aire jazzy da súa voz. Creou un son inesperado, onírico, fráxil, absorbente e máxico cuxo valor se acrecenta a cada escoita.
O seu primeiro álbum en solitario, Little things, é o resultado de dous anos de traballo. Durante este tempo, Hukkelberg percorreu Oslo en bicicleta en busca de sons e impresións que plasmar no estudo para máis tarde ir vivir medio ano a Berlín. Mostra diso é a bicicleta que a acompaña sobre o escenario, da cal colle o son da roda ao xirar. Dous anos despois, grava Rykestrasse 68, o seu segundo disco, no que trascende estilos e fronteiras.
O Sinsal Santiago rematará o vindeiro día 21 de xuño coa actuación dos británicos Tunng, que presentarán o seu segundo disco Comments of the Inner Chorus, traballo que se adentra nos estilos pop e folk, para deixar a electrónica –caracterizadora do estilo inicial desta banda- a breves retallos habilmente inseridos nalgúns temas.
As entradas para asistir a cada concerto póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 20:00, dúas horas antes do seu comezo. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e titulares do carné xoven.