AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O EQUIPO ARTÍSTICO TRABALLA XA CO PERSOAL TÉCNICO DO CDG NESTA PRIMEIRA VERSIÓN EN GALEGO DA COÑECIDA OBRA DE VALLE-INCLÁN

Comezan os ensaios de 'Divinas palabras' cara á estrea do 12 de abril

[15/02/2018] O equipo artístico e técnico de Divinas palabras, a nova produción que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 12 de abril no Salón Teatro de Santiago, acaba de iniciar neste escenario os ensaios da que será a primeira versión en lingua galega da coñecida obra de Valle-Inclán.

Equipo de Divinas palabras

Xunto con Xesús Ron, director do espectáculo, incorporáronse ás primeiras sesións de traballo os nove integrantes do elenco: Patricia de Lorenzo e Manuel Cortés, nos papeis protagonistas de Mari Gaila e Pedro Gailo, e Antón Coucheiro (como Sétimo Miau), Borja Fernández (Miguelín), Mónica García (Marica del Reino), Tone Martínez (Pedáneo), Victoria Pérez (Tatula), Ánxela Ríos (Simoniña) e Tomé Viéitez (Laureano). Estes sete últimos intérpretes foron elixidos tras superar un proceso público de selección para o que o CDG recibiu 169 solicitudes.

Ao tempo, o persoal técnico da compañía da Xunta de Galicia traballa xa co resto do equipo artístico de Divinas palabras para comezar a darlle forma a esta "traxicomedia de aldea", como a subtitulou o propio autor, da que o Centro Dramático Galego ofrecerá unha adaptación desinhibida e actual. Suso Montero está a deseñar a escenografía, Mar Fraga o vestiario, Fidel Vázquez a iluminación e Fanny Bello a caracterización, mentres que Cuco Pino realiza os vídeos, Arantza Villar ocupa a asistencia de dirección e José Díaz, a de produción.

Os ensaios, que están a comezar coas primeiras lecturas conxuntas do texto traducido e adaptado por Manuel Cortés, estenderanse durante dous meses. O 12 de abril terá lugar a estrea do espectáculo no Salón Teatro, sede do CDG, onde poderá verse ata o 29 de abril. Divinas palabras iniciará a continuación unha xira ata xullo que, ademais de recalar en diferentes escenarios galegos, inclúe 10 días de representacións no Teatro Español de Madrid no mes de maio.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal