AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRESENTARÁ NO SALÓN TEATRO O SEU ÚLTIMO TRABALLO DISCOGRÁFICO

O grupo británico Tunng clausura o Festival Sinsal

[20/06/2007] O grupo Tunng pechará mañá xoves día 21 no Salón Teatro a extensión en Santiago do Festival Sinsal cun concerto no que a banda británica presentará o seu segundo disco Comments of the Inner Chorus. Con esta actuación clausúrase a programación musical inserida dentro do Sinsal Santiago, un certame estacional que ten a súa orixe e sede principal en Vigo, e que en función da colaboración dos organizadores co Centro Dramático Galego (CDG) levou a Compostela a artistas como Hanne Hukkelberg ou A Hawk and A Hacksaw & The Hun Hungar Ensemble.

Foto Tunng

Mike Lindsay e Sam Genders conforman o núcleo creativo do grupo, músicos prolíficos que aparecen en varios recompilatorios como Future Folk, Strange Folk, When the Sea Meets the Sky; lanzaron no 2005 no Reino Unido Mother's Daughter and Other Songs —recentemente lanzado nos Estados Unidos—, un bo exercicio cheo de mantras, pastiches vocais, insertos electrónicos e guitarras acústicas.

Cun prestixio xa asentado e composto por sete integrantes, en Comments of the Inner Chorus, presentan un traballo no que se decantan cara un terreo máis folc e pop, deixando a electrónica (o seu estilo incial) presente en breves retallos habilmente inseridos nalgúns temas.

FAMILIARIDADE E DELICADEZA

Comportándose como unha familia de bos músicos, Tunng suxire familiaridade e delicadeza antes que experimentación e sorpresa. Conxuga nas súas cancións influenzas tan dispares como Simon & Garfunkel cun Robert Wyatt atraído polo cibernético, ou a John Martyn xogando con bleeps. Escribiuse tamén deles que son como Ian Brown (de Stone Roses) liderando aos Beta Band. Tunng sitúase nesa encrucillada actual na que o folc inglés pastoral e cristalino (coas guitarras acústicas circulares) déixase sazonar con gusto con sementes de scratching e outros ingredientes modernos.

A banda pasou por festivais tan emblemáticos como o Sónar en Barcelona ou o Glastonbury en Inglaterra, onde actuará tres días despois do Sinsal Santiago en dous escenarios distintos.

As entradas para o concerto poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, maiores de 65 anos e posuidores do carné xoven.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal