AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESTARÁ NO SALÓN TEATRO DO 11 AO 21 DE DECEMBRO

A coprodución de Limiar Teatro co CDG 'Se fosen turistas, levarían gafas de sol' estréase en Montevideo

[23/10/2019] O Centro Cultural de España en Montevideo acolle mañá a estrea de Se fosen turistas, levarían gafas de sol, unha coprodución teatral internacional promovida polas compañías galegas Limiar Teatro e Crémilo, na que participan a Xunta de Galicia, a través do Centro Dramático Galego (CDG), e outras entidades de Portugal, Arxentina e Uruguai.

Momento do espectáculo

O espectáculo, con dramaturxia e dirección de Fran Núñez, fusiona o teatro e a música en directo de Brais Iriarte para reflexionar en clave de comedia sobre a nosa emigración pasada e futura. Faino a través das historias persoais dos artistas que integran o elenco, afondando no acontecido como metáfora do presente. Así, as interpretacións de Iván e Mariano Solarich, Manuel Coelho, Cristian Palacios, Juan Caputo, Martina e Magdalena Fernández, e os propios Fran Núñez e Brais Iriarte resultan unha celebración da vida, da supervivencia e do camiño percorrido a partir dunha trama que se inicia no momento da separación de dúas irmáns no porto de Vigo nos anos 50.

A música creada en directo mediante loops, disparadores electrónicos, pedais e procesadores, a manipulación da iluminación nas mans dos intérpretes e o uso de micromappings son características que fan de Se fosen turistas, levarían gafas de sol unha proposta escénica única e novidosa.

Ademais do CDG, participan no proxecto o Teatro Nacional D. María II de Lisboa, a Compañía Nacional de Fósforos de Bos Aires, Comedias do Minho de Paredes de Coura e El Mura de Montevideo co auspicio do Instituto Nacional de Artes Escénicas de Uruguai. Na estrea colabora tamén a Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

O espectáculo, que se foi creando en residencias artísticas levadas a cabo nos distintos países participantes, forma parte do plan de coproducións do CDG para a temporada 2019-2020. Despois da estrea na capital uruguaia, onde terán lugar as tres primeiras representacións do 24 ao 26 de outubro, a montaxe poderase ver tamén en Arxentina, para chegar ao Salón Teatro de Santiago de Compostela do 11 ao 21 de decembro.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal